O rexuvenecido retablo maior da igrexa parroquial de Pontedeume

José Fonte Sardiña
O pasado oito de decembro, festividade da Inmaculada Concepción, o arcebispo compostelán, don Julián Barrio Barrio, pouco antes de emprender a súa visita ad limina, presidía a celebración na que se presentaban os traballos de restauración levados a cabo durante case seis meses, co financiamento da Xunta de Galicia, do retablo maior da igrexa parroquial de Santiago de Pontedeume, mandado facer contra o ano 1530 polo conde de Vilalba don Fernando de Andrade e Pérez das Mariñas, oitavo señor da vila, e da imaxe pétrea de Santiago sedente e en maxestade, de mediados do século XIV, que hoxe ocupa alí un lugar preferente (Fotos da interesantísima visita guiada realizada ao templo eumés o nove de outubro pasado, organizada polo Ateneo Eumés Fernán Martís, e da solemne cerimonia de inauguración).

A importancia do retablo vén confirmada polos estudos que lle dedicaron Rafael Balsa de la Vega (‘El apóstol Santiago ante el arte’ no “Boletín de la Real Academia Gallega”, 40, 1910, A Coruña, p. 83 e 84), o prestixioso catedrático de Historia da Arte, que me inculcou o amor polos temas xacobeos, José Manuel García Iglesias (“La pintura manierista en Galicia”, A Coruña, 1986, p. 179 e 180), ou Carlos de Castro Álvarez e Juan Carlos Vázquez Arias (“La iglesia de Santiago de Pontedeume. Historia y patrimonio artístico”, A Coruña, 2003, p. 43-54) e o propio profesor De Castro Álvarez en solitario (‘Una nueva lectura de las pinturas del retablo mayor de la iglesia parroquial de Santiago de Pontedeume’, “Cátedra”, 17, Pontedeume, 2010, p. 71-86); e o gran valor da talla do Apóstolo quedou confirmado coa súa presenza na exposición “Galicia no tempo”, da que o profesor García Iglesias fora comisario, presentada en 1991 no mosteiro de San Martiño Pinario. Ao meu ver, as escenas do retablo e a imaxe de Santiago presidíndoo admiten tamén unha interpretación que deixa ver unha clara mensaxe xacobea completada pola decoración das cunchas de vieira, a espada do martirio de Santiago ou dos bordóns coa cabaza que adornan e enmarcan o conxunto pictórico (‘Representacións iconográficas do apóstolo Santiago na vila eumesa’, “Cátedra”, 22, Pontedeume, 2015, p. 93-116) (A foto é de don Benjamín Sevillano Gallego, párroco da Unidade Pastoral de Pontedeume, ao que moito lle agradezo a súa xenerosidade).

O primeiro lenzo que hoxe aparece na parte inferior do retablo do altar maior eumés, no lado do Evanxeo, representa a escena da Anunciación ou da Encarnación e fóralle
encargado, consonte nos conta o profesor De Castro Álvarez, ao pintor coruñés Juan
Sánchez de Boado polo Concello de Pontedeume o dezanove de marzo de 1684; un día máis tarde, Sánchez Boado cédelle o traballo a Antonio Martínez Segade, que é o que o executa (Op. cit., p. 79-83). O arcanxo Gabriel aparece co rostro sereno e decidido, os cabelos roxos, unhas ás brancas e unha túnica tamén branca cuberta por un vestido vermello. Despois do amable saúdo, quere tranquilizar a María e, co furabolos da man dereita en alto, anunciarlle a proposta que lle trae de parte de Deus. Ela viste unha túnica entre rosada e vermella e unha touca azul ―símbolo da súa castidade―, que deixa asomar os roxos cabelos; está axeonllada sobre un reclinatorio, que aos seus pés ten un ramo de azucenas ―un novo signo da súa virxindade―, e reza coa axuda dun libro que semella un devocionario. O seu rostro mostra sorpresa e turbación polo ofrecemento e o arcanxo explícalle como acontecerá todo pola vontade de Deus. A man esquerda de Gabriel móstralle un ramo de azucenas brancas que confirma que a concepción será inmaculada e a súa virxindade preservada. María escoita con atención o anuncio e leva a súa man dereita ao corazón para corroborar cun aceno as súas palabras de aceptación: “Velaquí a escrava do Señor; cúmprase en min o que dixeches”. Na escena da Anunciación do Arcanxo ou da Encarnación de Xesús Cristo do retablo eumés faise presente a Santísima Trindade. Deus Pai, vestido cuncha túnica entre vermella e rosada, similar á da Virxe, e unha capa azul, con rostro barbado e bondadoso, contempla satisfeito desde o Ceo, rodeado dun amplo coro de anxos espidos, a entrega de María aos seus designios e ábrelle os amorosos brazos como mostra de compromiso e agradecemento. A pomba branca, que simboliza o Espírito Santo, voa desde o Ceo na procura da Virxe para facer realidade a inmaculada concepción da terceira persoa, o Fillo, que xa leva nas súas entrañas (Foto de don Benjamín Sevillano Gallego).

Na parte baixa do lado da Epístola está o lenzo do Nacemento de Xesús, realizado
tamén, segundo De Castro Álvarez, polo pintor betanceiro Antonio Martínez de Segade por mor da devandita cesión en 1684 do coruñés Juan Sánchez de Boado (Ibidem). Un louro, saudable e gordiño Neno Xesús, espido, mira con tenrura e un leve sorriso no rostro a súa Nai que, cun vestido entre vermello e rosado, unha touca branca na cabeza e un manto azul sobre as pernas, lle devolve unha amorosa mirada e o envurulla cun impoluto e branco lenzo coas súas finas e delicadas mans. Detrás de María, asumindo un papel discreto e así e todo fundamental, aparece un avellentado Xosé, con pouco pelo na cabeza e coidada barba branca, vestido cunha camisa entre vermella e rosada, que, coas mans xuntas en sinal de entrega, acepta o papel de pai putativo do Neno que o anxo do Señor lle encomendara nun soño. A corte das bestas foi o humilde lugar elixido por Deus Pai para que nacese o seu Fillo e Redentor do mundo. Un anxo do Señor tamén se lles aparecera aos pastores daquela comarca que pasaban a noite vixiando os seus rabaños para anunciarlles o nacemento dun Salvador e eles foron a Belén e atoparon nun presebe a María, Xosé e mais o Neno; logo contaron a todos o que lles acontecera e volveron aos seus traballos glorificando e loando a Deus. Na escena do retablo eumés aparecen tres destes pegureiros. En primeiro plano e dándolle as costas ao espectador, un deles, co cabelo roxo, vestido con camisa branca e pantalón marrón, axeonllado e cos pés espidos, ofrécelles ao Neno e mais aos seus pais o fermoso roxelo que acaba de sacrificar, que é tamén a representación de Cristo, ao que Xoán o Bautista identificará como o Año de Deus que se inmolará para arrincar o pecado do mundo. Outros dous pastores fan o ademán de que se van inclinar diante do Mesías. Un deles, sen barba e con camisa marrón, quita o seu humilde chapeu da cabeza coa súa man dereita en sinal de respecto, e o outro, con vestido gris e barba roxa recortada, abraza o boi pardo coa súa destra e crava unha doce mirada amorosa no Neno. De pé, entre os pastores, unha mula de ton gris cincento e o devandito boi, como recolle o “Evanxeo Apócrifo do  seudo-Mateo”, 14, 1, danlle quentura ao Neno co seu agarimoso e manso alento (Foto de don Benjamín Sevillano Gallego).

Na representación situada hoxe no segundo andar, do lado da Epístola, san Miguel
aparece como miles Christi, con rostro irado, longa melena solta e sen barba ―como
corresponde a un arcanxo―, vencedor do Demo ―deitado, de negro e vermello―, a
morte ―imaxe dunha caveira―, a tentación ―a serpe― e as tebras ―a escuridade
como fondo da táboa―, e voando sobre eles con dúas enormes ás douradas, unha capa
vermella ao vento con ricos reberetes, brandindo na man dereita a espada flamíxera e
enarborando na esquerda a cruz redentora e a balanza de pesar as almas ―todos estes
instrumentos de cor dourada― (Foto de don Benjamín Sevillano Gallego).

Os eumeses acudimos a pé dúas veces no ano ―oito de maio e vinte e nove de
setembro― en romaría á capela románica de San Miguel de Breamo e esta devoción ao
arcanxo ten que ser o motivo polo que se dispuxo no retablo. A figura de san Miguel
nesta táboa é unha fusión das dúas tallas procesionais de maio e setembro ―nas que
aparece derrotando ao demo― e a imaxe pétrea ―coa balanza de pesar as almas― que
se aloxa na devandita ermida.

A escena pintada no lado do Evanxeo a carón da de san Miguel é a da Asunción ao Ceo
da Virxe María. Estas dúas pinturas non pertencen, segundo De Castro Álvarez, nin ao
ciclo da Paixón, executado contra 1530, nin ao mariano, de 1684 (Idem, p. 78); a súa
data segue a ser hoxe unha incógnita sen resolver. A relación entre ambas as dúas
representacións podería estar xustificada polo feito de que unha pasaxe do “Evanxeo
Apócrifo de Xoán, arcebispo de Tesalónica” sitúa a san Miguel ao lado de Xesús Cristo
para levar entre as mans, diante dos apóstolos, a alma de María xunguida ao seu corpo, que quedou dormente durante tres días antes da súa Asunción ao Ceo. Nesta
representación sobre táboa, María, acompañada por un coro de anxos, é levada ao Ceo
diante da absorta mirada dos doce apóstolos que abandonaron por uns días as tarefas
evanxelizadoras que lles foran encomendadas por Xesús antes da súa Ascensión. A
Virxe leva as mans dereitas en sinal de oración, humildade e aceptación da vontade
divina. Detrás da cabeza aparece unha grande auréola dourada con reberetes vermellos e azuis que representa a súa santidade, pola que vai ser coroada de Gloria. Viste unha ampla túnica dourada, que a cobre por enteiro, e un gran manto azul, símbolo da súa virxindade, que lle tapa a cabeza e case lle chega aos pés. No brazo esquerdo leva colgado un amplo lenzo branco. Os doce apóstolos, seis a cadanseus lados, están axeonllados e coas mans dereitas, en actitude de oración diante dela, e deixan ver os seus afervoados rostros, rodeados polas auréolas douradas, que simbolizan a súa condición de santos. Os apóstolos, agás san Xoán, visten túnicas azuis con reberetes dourados e capas vermellas, e levan os pés espidos. María dirixe a súa mirada chea de felicidade e tenrura cara á esquerda e fixa a vista claramente no seu apóstolo máis amado, o imberbe Xoán, que aparece, cunha túnica branca, en segundo lugar, cos ollos pechados e turbado polo cariño que Virxe lle mostraba. En primeiro plano, García Iglesias, ao meu ver acertadamente, identifica a imaxe do apóstolo Santiago, a carón do seu irmán Xoán (Op. cit., p. 179). Á dereita da Virxe estaría diante de todos Pedro, calvo e con barba recortada, mostrando a súa perna dereita espida desde o xeonllo, e ao seu carón Paulo, con longa melena e barba roxas (Foto de don Benjamín Sevillano Gallego).

As táboas do ciclo da Paixón de Xesús Cristo, que datan do ano 1530 e recollen as
escenas da Flaxelación de Xesús, a Crucifixión do Redentor, o Pranto sobre Cristo
Morto e a Resurrección do Salvador, e a imaxe pétrea de Santiago sedente e en
maxestade, de mediados so século XIV, que preside o retablo, serán analizadas no
vindeiro artigo.

Lea también

Las cuentas del concello

Enrique Barrera Beitia El pasado lunes el pleno municipal ferrolano aprobó el presupuesto para 2024. …