Programación de comezos de 2022 no Pazo da Cultura de Narón

O Padroado da Cultura de Narón deseñou un completo programa para os dous primeiros meses do ano no Pazo da Cultura. Música, estreas teatrais, comedias, dramas… sucederanse dende o 7 de xaneiro ata o 19 de febreiro nas citadas instalacións culturais, tal e como avanzou a alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro.

As entradas para o público xeral poderán adquirirse a partir do vindeiro 29 de decembro, se ben os abonados poden xa reservar as súas butacas.

A programación de 2022 abrirase co concerto do recoñecido violinista de orixe libanés Ara Malikian, que terá lugar o día 7 de xaneiro ás 20.30 horas. Malikian regresará de novo ó escenario do Pazo da Cultura de Narón, donde presentará o seu último espectáculo, “Ara”, no marco da xira “Ara Malikian World Tour”, que iniciou a súa xira mundial hai unhas semanas no Carnegie Hall de Nova York.

A seguinte cita do mes de xaneiro será co teatro, os días 14 e 15, coa representación da obra “Moria”, da compañía Unahoramenos Producciones. En total haberá catro funcións, dúas o venres ás 20.00 e 21.30 horas e as outras dúas na xornada do sábado, tamén ás 20.00 e 21.30. As actrices Marta Viera e Ruth Sánchez protagonizan esta peza de teatro-documento que conta a historia de dúas refuxiadas e as súas familias, ás que non lles queda máis remedio que fuxir dos seus países.

A peza parte de testemuñas reais filmadas no campamento de “Moria”. Cada pase terá un máximo de 50 espectadores. O sábado 15 o Pazo acollerá tamén unha charla, “Islas Jaula”, de Unahoramentos Producciones e que dará comezo ás 18.00 horas. A cita tratará sobre as persoas refuxiadas e durante a mesma poderase coñecer o proceso de creación e montaxe do espectáculo “Moria”, a través da intervención de Mario Vega, director artístico de Unahoramenos Producciones e do citado espectáculo; Nicolás Castellano, xornalista e asesor de conflitos de “Moria”, e Anna Surinyach, directora de fotografía. A esta charla poderase asistir de balde, ata completar o aforo.

O teatro continuará en xaneiro, os días 21 e 22 -20.30 e 20.00 horas respectivamente coa peza dramática “Cigarreiras”, de Contraproduccións e Teatro Romea. Ledicia Sola, Ana Santos, Susana Dans e Merce Castro forman parte do elenco desta obra, todo feminino, baseada na peza “La Tribuna” de Emilia Pardo Bazán.

O texto aborda precisamente a figura de Pardo Bazán e a das cigarreiras que viven situacións que dan pé a tratar temas actuais como a perspectiva de xénero, a memoria colectiva… que poden suscitar un gran interese na sociedade actual. A programación de xaneiro rematará coa estrea da obra “Último verán en Santa Cristina”, de Teatro do Noroeste, que se poderá ver o venres 28, ás 20.30 horas, e o sábado 29 ás 20.00 horas.

O público coñecerá o que lle aconteceu a un rapaz de 12 anos que en 1960 pasou o seu último verán nunha praia cerca da cidade na que vive. Luma Gómez, Miguel Pernas, Xavier Estévez, Manuela Varela e Maxo Barjas forman o elenco desta peza.

En febreiro a compañía Tertulia Producción iniciará a programación coa comedia «Festejen la broma”, autoría e protagonizada por Joaquín Robles. A convocatoria será o día 4 ás 20.30 horas e esta cargada de ironía e bromas. Esa mesma semana, o domingo 6 representarase unha nova comedia, “Tarzán”, ás 18.00 horas, e dirixida a público infantil e familiar. A compañía Mar Mar Teatro traerá a Narón esta peza, que parte dun día de caza na selva africana e terá continuidade 25 anos despois en Londres.

Os días 11 e 12 de febreiro haberá unha nova estrea no Pazo, nesa ocasión da peza de teatro contemporáneo “Smoke on the water”, de Ibuprofeno Teatro. O venres 11 a cita será ás 20.30 horas e o sábado 12 ás 20.00. Un vendedor de discos e vinilos e un estudante de Filosofía protagonizan esta obra, unidos durante moitos anos cunha relación de dependencia imposible de desenlear e á que ameazará un novo rapaz, Álex, un gigoló que se namorará dun dos amigos.

Finalmente, na programación aprobada dende o Padroado da Cultura, o día 19 de febreiro poderase ver no Pazo a obra “Malvivir” ás 20.00 horas, protagonizada por Aitana Sánchez Gijón, Marta Poveda e Bruno Tambascio. A peza conta en primeira persoa a vida secreta dunha muller libre, rebelde, ladroa, mentireira e fuxitiva que desafía todas as convencións da súa época.

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …