Acondicionamento do firme da Senda Ártabra ó seu paso por Narón

A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Servizos, Ibán Santalla, desprazáronse á Senda Ártabra para ver o remate dos traballos de acondicionamento dun tramo do firme da citada ruta ó seu paso polo termo municipal naronés.

A rexedora local destacou o investimento realizado polo Concello, duns 27.000 euros, “para poder acondicionar un tramo desta senda, facilitando a transitabilidade na zona que presentaba un maior deterioro”.

O tramo sobre o que se actuou ten aproximadamente tres quilómetros e a maiores da mellora do pavimento, que é de material árido compactado e triturado de saburra, de maior consistencia que o anterior, tamén se procedeu a desbrozar o monte baixo en ambas marxes do citado tramo con medios mecánicos, explicou Ferreiro

Nas zonas de chaira estendeuse o pavimento de árido, ó ser estas menos susceptibles á deterioración por existencia de escorrentías de auga ou polo posible paso de vehículos de tracción, mentres que nas zonas con máis risco de escorrentías ou tendencia ó encharcamento, por localizarse nunha zona de desnivel, se acondicionou o firme con triturado de saburra e material existente no vial que posteriormente se compactou para darlle maior consistencia

A Senda Ártabra une polo tramo costeiro os concellos de Ferrol, Narón e Valdoviño, e ten unha lonxitude aproximada duns catorce quilómetros, dos que seis se atopan polo termo municipal naronés. “Trátase dun tramo costeiro que se pode percorrer a pé ou en bicicleta e que permite desfrutar da riqueza paisaxística da zona, no caso de Narón, poñendo en valor os cantís e as praias de Lopesa, Casal e Hortiña, ubicadas nun entorno natural que se aprecia por esta ruta”, asegurou Ferreiro

A Pena Molexa e a Pena Lopesa, con gran valor histórico e cultural na cidade, tamén se poden ver polas inmediacións do tramo. A ruta está sinalizada en todo o traxecto e conta tamén con paneis interpretativos en determinados puntos de interese, como as proximidades da Pena Molexa

Os concellos de Ferrol, Narón e Valdoviño asumiron hai unha década este ambicioso proxecto redactado pola Demarcación de Costas e que contou cunha subvención europea de algo máis de 215.000 euros. O resto do investimento, uns 212.000 euros, sufragárono os tres concellos, sendo o de Narón o que asumiu un custe maior ao discorrer máis tramo, o que supuxo un desembolso que rondou os 100.000 euros. A senda parte da praia de Santa Comba, en Covas (Ferrol) e remata na de Campelo (Valdoviño)

“A través desta iniciativa conxunta dende os tres concellos podemos poñer en valor o turismo de natureza, dando a coñecer o potencial costeiro dunha zona incluída en gran parte en espazos protexidos pola Red Natura” apuntou Ferreiro

Lea también

A REGAPS da Área Sanitaria de Ferrol organiza un ciclo adicado á Fibromialxia no centro de saúde de Narón

A Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS) e a Subdirección de Humanización, Calidade e …