As táboas da Paixón do retablo maior eumés e o Santiago sedente que o presid

José Fonte Sardiña
As táboas do ciclo da Paixón de Xesús Cristo, que datan do ano 1530, están situadas na parte superior do retablo de Santiago de Pontedeume. No lado do Evanxeo aparece representada a escena da Flaxelación de Cristo, ordenada polo gobernador romano Poncio Pilato despois de que o levasen diante del detido pola traizón do bico de Xudas Iscariote. Xesús atópase no pretorio en primeiro plano, atado de pés e mans á tradicional columna que o representa como Ecce Homo ―Eis o home―, cuxa imaxe non recollen os relatos evanxélicos. Así e todo, nesta táboa, a habitual columna máis ben semella o Lignum Crucis no que logo foi sacrificado. Xesús está espido e descalzo e só aparece cuberto por un pequeno pano de pureza que leva anoado no lado dereito; a longa melena revestida pola auréola dourada da santidade deixa ver o seu rostro barbado, cheo de paz e carente de odio, que reflicte a dor polo cruel e inxusto castigo que lle están a inflixir e asemade a aceptación da vontade de Deus Pai ―ben sabía que non podía arredar del o cáliz que tiña que beber―; así pois, abraza amoroso o madeiro no que ía morrer e entrégase ao seu sacrificio redentor. Á dereita de Xesús, un imberbe soldado, vestido de vermello, suxeita coa man esquerda o corpo de Cristo e alza na súa destra o vergallo co que lle baterá a cabeza e as costas cumprindo a orde de Poncio Pilato; o rostro do soldado mostra seguridade, violencia e unha ausencia total dos sentimentos de culpa ou piedade. Á súa dereita, un compañeiro barbado, vestido de vermello e gris escuro e toucado cun gorro dourado, parece cuspir ou insultar a Xesús coa súa boca entreaberta, sentado no chan. Nun segundo plano, á esquerda de Cristo, outro soldado, vestido con roupas escuras, trata de conter a violencia dun home barbado, ataviado con ricas vestiduras vermellas e un elegante sombreiro, impropios da época na que se desenvolven os feitos históricos, que sinala co dedo furabolos da man dereita a Xesús e sostén na esquerda unha vara que semella un símbolo de poder; García Iglesias identifícao con “Pilato, xa que foi el o que, segundo os catro evanxelistas, decide o castigo” (“La pintura manierista en Galicia”, A Coruña, 1986, p. 179) (Foto de don Benjamín Sevillano Gallego).

O ático acolle a Crucifixión de Cristo Redentor. Xesús, vestido só cun pano branco de
pureza que leva anoado no lado esquerdo, aparece espetado na cruz por medio de tres
cravos, un en cadansúas mans e outro nos dous pés; o seu rostro, coroado de espiño, está totalmente inclinado á dereita, como se xa lle entregara o seu espírito ao Pai; as
manchas de sangue que abrollan do costado dereito confirman tamén o seu pasamento; cando Xesús xa estaba morto, “un dos soldados traspasoulle o costado cunha lanza; e no instante saíu sangue e auga” (“Evanxeo de San Xoán”, 19, 34). Á dereita de Xesús Cristo, está a súa desconsolada Nai, vestida cunha túnica vermella que lle chega ata os pés e un amplo manto azul, con reberetes dourados, que lle cobre a inclinada cabeza que leva a dourada auréola da santidade. Á esquerda de Cristo aparece o imberbe Xoán, o único discípulo que o acompañou ata o final na súa Paixón e Morte; viste unha longa túnica marrón e un manto púrpura e porta tamén a auréola da santidade; mira a Xesús, xa morto, cun aceno de valentía e rebeldía diante da inxustiza. O vínculo terreal establecido polo propio Xesús Cristo entre María e Xoán non se romperá ata a Asunción ao Ceo da Virxe (Foto de don Benjamín Sevillano Gallego).

A cruz salvadora ten forma de tau, como o bordón que sostén na man dereita o Santiagopétreo que senta en maxestade no trono da Gloria, no segundo corpo da parte central do retablo. Os bispos composteláns na Idade Media adoitaban levar tamén o seu báculo en forma de tau (Miniatura do arcebispo Xelmírez ―1120-1140―, “Tombo do mosteiro de San Xusto de Toxosoutos”).

Debaixo do ático, no corpo central do retablo da parroquial de Pontedeume,
represéntase o Pranto sobre Cristo Morto. En primeiro plano aparece, ao pé da cruz
―tamén en forma de tau― o corpo inerte de Xesús, vestido tan só cun pano de pureza,
que mostra nos pés e na man dereita ―a esquerda está tapada― as feridas dos cravos e
o costado dereito manchado polo sangue derramado. A súa Nai teno no colo ―como a
Piedade de Miguel Anxo― e, cun aceno cheo amor e dor, bícalle a meixela esquerda do
seu barbado rostro; pousa a man dereita no ombreiro destro do seu Fillo e acaríñalle coa esquerda a ferida ensanguentada do costado causada pola mítica lanza de Lonxinos; María viste túnica vermella e un manto azul con reberetes dourados, e cobre a cabeza cunha branca touca sobre a que se dispón a auréola da santidade. Á dereita da Virxe está o seu fiel compañeiro, Xoán o Evanxelista, o irmán de Santiago o Maior, que viste unha túnica da cor do marfil e unha capa azul, e leva os pés descalzos; Xoán, co rostro imberbe, tristeiro pero sereno, coroado pola auréola da santidade, trata de arrincar da cabeza de Cristo a coroa de espiño que lle fería a fronte e as tempas e lle puxeran os soldados para se moquearen da súa condición de rei dos xudeus, malia que ben sabían que o seu Reino non era deste mundo. A carón da Virxe, á esquerda, acompañándoa na súa dor, están, consonte recollen os relatos evanxélicos, María de Cleofás, a nai de Santiago o Menor; María Salomé de Zebedeo, a nai de Santiago o Maior e Xoán o Evanxelista; e María Magdalena, a pecadora arrepentida. María de Cleofás, á que Xoán identifica como irmá da Virxe, abrázaa polas costas tratando inutilmente de consolala e acaríñalle con tenrura o ombreiro coa man dereita e o brazo coa esquerda; viste unha túnica da cor do marfil e unha capa azul con reberetes vermellos e dourados, e sobre os louros cabelos leva a coroa da santidade. María Salomé deixa asomar a tristura no rostro e coloca as mans xuntas en actitude de oración; viste unha blusa da cor do marfil e unha longa saia gris, e leva sobre os cabelos roxos a auréola da santidade. María Magdalena, moito máis nova cás outras dúas, coas bágoas nos ollos, limpa os pés de Xesús cun impoluto pano branco que leva na man dereita, empapado co perfume do vaso de alabastro que suxeita coa esquerda. Nun segundo plano, á dereita da Virxe María, está Xosé de Arimatea, discípulo secreto de Xesús e membro do Sanedrín, que lle pedira permiso a Poncio Pilato para lle dar sepultura ao corpo sen vida de Cristo; aparece ataviado como un home rico e importante, con abrigo vermello e elegante sombreiro máis propios do século XVI, en que foi pintado, que da época histórica que representa a escena; o seu rostro barbado mostra unha gran bondade e un apoio total aos desconsolados Xoán, a Virxe e as outras tres mulleres que o acompañaban. Á esquerda de Xosé de Arimatea, que aparecía nos relatos dos catro evanxelistas, está Nicodemo, o maxistrado dos xudeus cuxa intervención nese crítico momento en axuda de Xosé de Arimatea só foi recollida no “Evanxeo de Xoán”, 19, 39; as vestimentas en tons marróns de Nicodemo lembran as dos peregrinos xacobeos e o seu sombreiro de aba larga desa mesma cor é moi semellante ao que estes devotos do apóstolo Santiago adoitaban levar cando ían venerar o seu sepulcro na catedral compostelá (Foto de don Benjamín Sevillano Gallego).

No lado da Epístola, a carón da táboa do Pranto sobre Cristo Morto, colocouse a escena da Resurrección de Xesús. Coa alba do primeiro día da semana, o Redentor, que lle entregara o espírito ao Pai no mediodía do Venres Santo, sae do sepulcro vencedor da morte e aparece na escena enriba da pesada lápida. O Salvador leva sobre a melena morena a auréola da santidade e o seu rostro barbado reflicte unha inmensa paz; viste só unha ampla capa púrpura con reberetes dourados que deixa ao descuberto a ferida do seu costado dereito, os brazos e as pernas; a súa man dereita erguida mostra a chaga ensanguentada do cravo da cruz que tamén se deixa ver no seu pé esquerdo; coa man esquerda suxeita a cruz redentora, que lle serve de mastro ou lábaro a unha bandeirola vermella triangular que leva impresa unha cruz dourada. Onda a sepultura, catro homes vixían para que ninguén poida roubar o corpo de Xesús e dicir logo que resucitou o terceiro día como anunciara. Á esquerda de Cristo, en primeiro plano, hai un soldado barbado que dorme apracible pousando a cabeza sobre o seu brazo dereito, está protexido por un escudo e un casco, e ten aos seus pés unha arma que semella unha bésta. Detrás del, outro soldado, profundamente durmido, acomoda a súa cabeza, cuberta por un casco, sobre os dous brazos que apoia no sepulcro. Á dereita do Redentor está sentado en primeiro plano un home cun abrigo e un sombreiro marróns, que se protexe detrás dun escudo e, sumido nun entresoño, suxeita levemente coa man esquerda a lápida que se acaba de abrir. Detrás del aparece o único soldado que se atopa esperto, suxeita na man dereita unha lanza e leva a esquerda á cabeza en sinal de incredulidade polo que está a contemplar (Foto de don Benjamín Sevillano Gallego).

O Santiago sedente de pedra fora retirado do retablo e enterrado no chan da capela
maior contra o 1756, cando se iniciaron os traballos para a instalación do tabernáculo,
que remataron dous anos máis tarde e permitiron o regreso do Santísimo Sacramento
que fora trasladado provisionalmente á antiga capela de San Roque mentres duraron as obras. A vella imaxe pétrea de Santiago sedente e en maxestade foi exhumada nos
traballos de remodelación do presbiterio en 1961, que supuxeron a desaparición do
tabernáculo, e seis anos máis tarde, en 1967, colocada enriba do sagrario ―agora
retirado do retablo e gardado na capela lateral, a carón do presbiterio―, presidindo o
altar maior, onde hoxe permanece.

A idea expresada polo Mestre Mateo no seu monumental Pórtico da Gloria é a mesma
que hoxe se mostra na parte central do retablo de Pontedeume. Como no parteluz
compostelán, tamén aquí aparece triunfante, debaixo das representacións do Salvador, a talla de Santiago sedente e en maxestade, co bordón en forma de tau na man dereita como representación da cruz redentora e o pergameo que simboliza que predicou o Evanxeo nestas terras e a vía para acadar o premio da Resurrección (Fotos de don Benjamín Sevillano Gallego).

 

Lea también

Las cuentas del concello

Enrique Barrera Beitia El pasado lunes el pleno municipal ferrolano aprobó el presupuesto para 2024. …