“III Congreso Galego de Seguridade e Educación Viaria” en Narón

O Pazo da Cultura de Narón acollerá o vindeiro mes de maio, os días 19 e 20, a terceira edición do Congreso Galego de Seguridade e Educación Viaria organizado polo Concello de Narón.

A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Seguridade Cidadá, Román Romero, presentaron o evento acompañados por Sonia López e Pedro Caneiro, responsables do equipo de Educación Viaria de Narón.

Ferreiro avanzou que o lema da convocatoria deste ano será “As persoas primeiro”. “Un ano máis apostamos por organizar na cidade este congreso, co fin de que sexa un foro no que recoñecidos profesionais do ámbito da seguridade viaria expoñan os seus coñecementos e experiencias nesta área” asegurou Ferreiro, subliñando que a convocatoria se centrará “na mobilidade, a cultura viaria e o espazo público, incidindo na mellora da calidade de vida das persoas nos concellos”.

Esta terceira edición do Congreso Galego de Seguridade e Educación Viaria centrarase en catro eixos temáticos: “Un novo modelo de espazo público”, “Vehículos de mobilidade persoal e seguridade viaria”, “Novas metodoloxías de educación para a boa mobilidade” e “Cooperación internacional”.

A rexedora local explicou que o programa previsto se desenvolverá o xoves 19 en horario de mañá e tarde e o día 20 en horario de mañá. “Durante os dous días levaranse a cabo unha serie de ponencias e coloquios, estruturados en diferentes mesas segundo as temáticas e nas que ao final se establecerá un turno para que poidan intervir as persoas que acudan como público, formulando as preguntas que consideren oportunas, para rematar cunhas conclusión que ofrecerá a persoa que modere cada mesa”.

Ferreiro recalcou que “dende o Concello de Narón temos un firme compromiso coa educación e seguridade viaria, materias nas que levamos traballando moitos anos en colaboración con centros de ensino, asociacións e outros colectivos implicados na importancia e necesidade da formación e concienciación social nese ámbito”.

Así mesmo, unha das novidades desta edición, tal e como apuntou a alcaldesa, é que o Concello está tramitando ante a Consellería de Cultura, Educación e Universidade a homologación da actividade de formación permanente do profesorado deste congreso, unha petición que conta coa homologación previa e provisional e que está á espera da aprobación definitiva por parte da administración autonómica.

A primeira edición do Congreso de Educación Viaria organizado polo Concello de Narón levouse a cabo no ano 2016 e a segunda no 2018. A pandemia da covid-19 obrigou a pospoñer a cita programada para o ano 2020 pero dende o Concello continuouse traballando para a organización desta terceira edición. “As dúas anteriores edicións tiveron unha excelente acollida e este ano teremos ademais a oportunidade de contar coa colaboración da Red de Ciudades que Caminan, entidade coa que o Concello ten asinado un convenio de colaboración e que conta cunha ampla traxectoria neste ámbito”, subliñou a rexedora local.

Ferreiro avanzou que nas vindeiras semanas se presentará o programa do evento e se anunciará o prazo de inscrición para poder acudir a esta nova edición do congreso, ao que animou a acudir “a todas as persoas que desexen compartir as súas experiencias e contribuír a deseñar a mobilidade do futuro centrándose nunha perspectiva sostible”.

Lea también

Narón acomete melloras no firme de varios parques infantís

A alcaldesa da cidade de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Obras e Urbanismo, …