Espectáculos teatrais e musicais no Pazo da Cultura de Narón

O Padroado da Cultura de Narón anunciou a programación que se desenvolverá no Pazo ata o mes de xuño. Ó longo do mes de marzo poderanse ver os espectáculos da sétima edición do Festival Internacional do monólogo teatral Singular, ós que se sumarán unha decena de obras teatrais, musicais e monólogos entre abril e xuño dirixidos a todo tipo de públicos, tal e como anunciou a alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro.

A programación do mes de abril comezará o día 2, ás 20.00 horas, coa representación da obra “Rastros”, da compañía Condetrespés. A obra, do autor galego Roberto Vidal Bolaño e adaptada por Lois Blanco, relata a liberdade dunha muller e tamén dá visibilidade ás debilidades que fan á protagonista, Esther, muller galega do seu tempo.

Ó día seguinte, o 3, poderase ver o musical, “De ellos aprendí”, de Artes Escénicas Gaudium, con pases ás 12.00 e ás 18.00 horas. Nove actores, bailaríns e cantantes con voces en directo dan vida ó musical. Haberá escenas e personaxes da Sereiña, O Rei León, Frozen, Aladdín, Rapunzel ou a Bela e a Besta.

O 9 de abril continuarán as representacións teatrais, nesa ocasión coa obra “Golfa”, da compañía Crémilo, que se poderá ver ás 20.00 horas. Un graffiti coa palabra “Golfa” marca o inicio desta historia, protagonizada por Amanda e Fran, unha parella que se truncou e na que está moi presente o acoso virtual.

Esa mesma fin de semana, o día 10, poderase ver a peza de monicreques “A cazola de Lola”, de Tanxarina, ás 18.00 horas. Lola, unha nena que leva sempre un cazo que lle chega a complicar a vida, é a protagonista deste espectáculo.

O teatro continuará no mes de abril, o día 23, coa representación de “RIF (de piojos y gas mostaza)”, da compañía Micomicón. Dúas horas de duración para esta peza, que se poderá ver ás 20.00 horas, protagonizada por tres soldados do exército español que se atopan nas terras do RIF tralo Desastre Annual do 21 de xullo de 1921. Percorrerán lugares tristemente míticos e que se proxectarán no nefasto 1936. A programación do mes de abril remará tamén cunha proposta teatral, a obra “Morgana en Esmelle”, de Sarabela Teatro, que se poderá ver os días 29 e 30, 20.30 e 20.00 horas respectivamente. A novela do mesmo nome escrita por Begoña Caamaño foi adaptada para compartir a visión do amor, a xustiza, a violencia, a morte, a liberdade, a opresión… que ten a autora do libro.

No mes de maio abrirá a programación o espectáculo teatral “Morte accidental dun anarquista”, da compañía Talía Teatro, os días 6 e 7, ás 20.30 e 20.00 horas. Darío Fo é o autor desta obra, adaptada e dirixida por Cándido Pazó e que pon en evidencia a natureza da policía e o importante papel dos medios de comunicación tralo falecemento dun anarquista ó caer pola ventá dunha comisaría na que o está interrogando a policía.

O día 14 ás 20.00 horas representarase a peza de teatro contemporáneo “N.E.V.E.R.M.O.R.E.”, unha coprodución de Chevere e o Centro Dramático que usa a memoria da catástrofe ecolóxica do Prestige para desenvolver unha narrativa escénica sobre o presente. E será a obra “Othello”, de Voadora, a que pechará a programación de maio, o día 28 ás 20.00 horas. Neste relato de William Shakespeare hai unha historia de encontro na que unha muller europea e un home africano se namoran, pero cun tráxico final.

En xuño, os días 10 e 11, 20.30 e 20.00 horas, poderase ver “Los santos inocentes”, unha adaptación da obra de Miguel Delibes a cargo de GG Producción Escénica. Unha obra que se nos presenta como un espello e que nos devolve o reflexo do noso pasado para que poidamos explicar o presente.

As entradas para o público xeral poranse á venda a partir do 19 de febreiro no despacho de billetes do Pazo da Cultura, podendo tamén adquirirse a través da web do Padroado da Cultura: www.padroadodecultura.es

Lea también

O Goberno de Narón chega a un acordo para manter o servizo de madrugadores

O goberno local e as Anpas de Narón chegaron a un acordo para manter temporalmente …