Rosalía de Castro en Pontedeume

José Fonte Sardiña

O achado por parte da investigadora Sagrario Abelleira e da arquiveira Irene Galindo do expediente matrimonial de Rosalía de Castro e Manuel Murguía, no Archivo Histórico Diocesano de Madrid, permite fixar con certeza documental a data de nacemento da nosa máis grande poeta o vinte e tres de febreiro de 1837 e non o día seguinte, o vinte e catro, como ata hai pouco se pensaba, que era en realidade a data na que fora acristianada, consonte constaba na súa partida de bautismo conservada no Arquivo Diocesano de Santiago de Compostela, o que fixo que as celebracións desta importantísima efeméride fosen trasladadas tamén ao vinte e tres de febreiro (Foto do devandito expediente matrimonial).

Cumpridos os vinte e seis anos, animada e axudada polo seu home Manuel Murguía ―o grande intelectual galeguista e primeiro presidente da Real Academia Galega―, paría, en 1863, nun dezasete de maio, os seus “Cantares Gallegos”, cos que renacía, despois de cinco séculos de “negra sombra” e escuridade, a poesía galega, como ben deixou escrito o meu admirado paisano Ramiro Fonte no poema ‘Ano de 1863’, marabillosamente ilustrado polo tamén eumés, e veciño meu das Virtudes na infancia e mocidade, Jacobo Muñiz López no “Xardín do pasatempo”, un libriño para nenos, que, así e todo, nos entusiasma a moitos dos que xa non o somos, publicado pola Editorial Tambre en 2008, nunha colección que dirixía Ignacio Chao, que é, coma os devanditos, igualmente de Pontedeume.

Os seus paisanos composteláns, no nome de Galicia, levantáronlle a Rosalía de Castro un fermoso conxunto escultórico no que aparece, sentada e pensativa, no Paseo da Ferradura da Alameda, como se estivese cavilando nas ‘Dúas palabras da autora’, que lle deron título ao prólogo de “Follas Novas”, onde deixou dito: “Creerán algús que porque, como digo, tentei falar das cousas que se poden chamar homildes, é por que me esprico na nosa lengoa. Non é por eso. As multitudes dos nosos campos tardarán en ler estos versos, escritos a causa deles, pero só en certo modo pra eles. O que quixen foi falar unha vez máis das cousas da nosa terra, na nosa lengoa, e pagar en certo modo o aprecio e cariño que os ‘Cantares Gallegos’ despertaron en algúns entusiastas […].
Quedaba obrigada a que non fose o primeiro i o último. Non era cousa de chamar as xentes á guerra e desertar da bandeira que eu mesma había levantado” (Rosalía de Castro: ‘Dúas palabras da autora’, en “Follas Novas”, 1880, citada pola edición de 2001 de Xerais e La Voz de Galicia, que utilizou os textos fixados por Blanca-Ana Roig Rechou en 1990, p. 34).

Así agromaron as “Follas novas”, das que a propia autora dicía nos poemas IV e V de ‘Vaguedás’: “Diredes destos versos, i é verdade, / que tén estrana insólita harmonía, / que neles as ideas brilan pálidas / cal errantes muxicas / que estalan por instantes, / que desaparecen xiña, / que se asomellan á parruma incerta / que voltexa no fondo das curtiñas, / i ó susurro monótono dos pinos / da beiramar bravía. // Eu direivos tan só que os meus cantares / así sán en confuso da alma miña / como sai das profundas carballeiras / o comenzar do día, / romor que non se sabe / se é rebuldar das brisas, / se  son beixos das frores, / se agrestes, misteriosas harmonías / que neste mundo triste / o camiño do ceu buscan perdidas […]. Non Follas novas, ramallo / de toxos e silvas sós, / hirtas, coma as miñas penas, / feras, coma a miña dor” (Idem, p. 41 e 42).

Hoxe descansa por sempre, con xustiza, nun lugar de honra, orgullo dos que amamos a nosa lingua, no Panteón de Galegos Ilustres, na igrexa conventual de San Domingos de Bonaval de Santiago de Compostela, capital de Galicia e cidade que a viu nacer.

En Pontedeume, na entrada da vila pola ponte de pedra, temos unha praciña dedicada a Rosalía de Castro, na que se erixiu en 1985 un monólito na súa honra e lembranza, e desde o pasado ano, o Paseo Marítimo leva tamén o seu nome.

Pretiño da ponte onde morre o Eume, a carón deste pequeno monumento de pedra que os eumeses lle levantamos en 1985, escoita hoxe Rosalía, que coa publicación dos “Cantares Gallegos” o dezasete de maio de 1863 lle puxo data ao Día das Letras Galegas, os versos que lle canta baixiño, coma un arrolo, desde a súa derradeira morada de Porto o noso bardo Ramiro Fonte, ao que a Real Academia Galega, a non moito tardar, lle debería dedicar esta emblemática xornada: “Baixo os arcos desta ponte / pasan as augas da vida / durmidas. // Pasan as augas do tempo / levando os ollos dun neno / cara ás outras augas frías” (Ramiro Fonte: ‘Ponte’, en “Luz do mediodía”, A Coruña, 1995, p. 63).

Como cada ano, para celebrar o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, Pontedeume preparou unha homenaxe, na praza que leva o seu nome, para o mércores vinte e tres febreiro, ás seis e media do serán, na que se lerá o manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), redactado nesta ocasión por Beatriz Maceda Abeleira, e se realizará unha ofrenda floral. No acto, para completar a festa, intervirá a “Banda de Gaitas de Airiños do Eume”.

Ademais, o venres, vinte e cinco de febreiro, na Casa da Cultura de Pontedeume, ás sete e media do serán, está programada a actividade “Contos e Poemas para a Rapazada”, para nenos entre catro e once anos.

Lea también

Sete anos da presentación de “Los disfraces de la traición”, de Olga Rico

José Fonte Sardiña O día 10 de marzo de 2017, presentabamos na Casa da Cultura …