Conmemoración do Día Mundial da Síndrome de Down, Narón

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, presidiu este martes, día 21 de marzo, no salón de plenos o acto celebrado no Concello con motivo do Día Mundial da Síndrome de Down.

A concelleira de Benestar Social, Catalina García, entre outros representantes da corporación local e a presidenta de Teima, Patricia Serantes, participaron tamén na convocatoria, xunto con integrantes da entidade, persoas con síndrome de Down, familiares e representantes doutras asociacións que traballan co colectivo.

Ferreiro deu a benvida ás persoas que se desprazaron ó Concello para participar na convocatoria e agradeceu a Teima o feito de que elixise a cidade “para conmemorar unha data tan importante”. Así mesmo, recalcou no compromiso do Consistorio de “dar visibilidade a todas as persoas con síndrome de down e seguir apoiando a súa inclusión plena na sociedade”.

A alcaldesa destacou tamén o papel das familias e todas as persoas que traballan co colectivo, destacando que “aportades á sociedade uns valores que contribúen a avanzar na pluralidade, a diversidade e a igualdade”.

Na mesma liña se manifestou a edil de Benestar Social, que destacou novamente o traballo de Teima e das familias e recalcou a importancia de continuar traballando conxuntamente na sociedade para acadar a integración plena do colectivo. A continuación, a presidenta de Teima destacou o apoio do Concello naronés coa asociación ó longo do ano e valorou a súa disposición a manter esa colaboración e compromiso coas persoas con síndrome de down.

As sillas do salón de plenos que ocupan habitualmente os concelleiros e concelleiras da corporación local foron hoxe para rapazas e rapaces con síndrome de down, algúns familiares e representantes doutras asociacións que se sumaron á conmemoración deste 21 de marzo.

No transcurso do acto proxectouse un vídeo no que participaron integrantes de Teima e persoas con síndrome de down. No documento explicábase que “todavía hai moitas barreiras na sociedade que impiden o exercicio dos nosos dereitos e póñennolo moi difícil para vivir a vida que desexamos vivir e á que tamén temos dereito”. Valerse por si mesmos, aprender cousas, vivir independentes, saír a cear con amigos e, en definitiva, non sentirse discriminados pola sociedade, forman parte das súas reivindicacións.

Despois da proxección, as persoas que ocupaban as sillas dos concelleiros e pronunciaron unha frase reivindicativa.

A alcaldesa rematou o acto dando as grazas “ás persoas con síndrome de down, ás súas familias e a todos aqueles que se esforzan para facer as súa vida cada día mellor”.

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …