Curso de Caldeirería-Tubaxe do Programa Municipal de Formación, Narón

O próximo luns, día 28, rematará o prazo de inscrición no curso de Caldeirería-Tubaxe do Programa Municipal de Formación convocado dende o Concello de Narón.

Esta acción formativa, que oferta un total de oito prazas, diríxese a persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas en Narón. A maiores, a edil responsable da área de Formación, Natalia Hermida, recordou que para poder realizalo é preciso dispoñer da acreditación da formación básica en Prevención de Riscos Laborais (60 horas, válido para o sector do metal), debendo presentar unha copia do diploma ou certificación do mesmo coa solicitude.

As inscricións poden tramitarse ata o 28 de marzo ás 13.30 horas e para a selección do alumnado, as persoas que cumpran os requisitos serán chamadas a unha entrevista.

O curso consta de 100 horas que se impartirán no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara dende o 7 de abril ata o 13 de maio, en horario de 16.00 a 20.00. O alumnado abordará contidos como a Interpretación de planos de fabricación e montaxe de tubaxe, Conformado e curvado de tubaxe, Corte e mecanismo de tubaxe, Procesos de montaxe e armado de tubaxe e montaxe de soportes e accesorios e fixación de tubaxe.

As inscricións poden realizarse no Rexistro Xeral do Concello, de luns a venres entre as 8.30 e as 13.30 horas, na Sede Electrónica do Concello ou a través dos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015 do 1 de outubro do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

Para recibir máis información pódese consultar a páxina web do Concello, a Sede Electrónica de Narón ou chamar ó número de teléfono 981 337 700 (extensións: 1108 e 1109).

Lea también

Narón acomete melloras no firme de varios parques infantís

A alcaldesa da cidade de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Obras e Urbanismo, …