Proxección do documental «O gran Camiño», Narón

O Padroado da Cultura de Narón participa no Ciclo Mestre Mateo, un circuíto de cinema en galego impulsado pola Academia Galega do Audiovisual, as catro deputacións galegas e a Secretaria Xeral de Emigración, contando a maiores no caso de Narón coa colaboración do Cineblub Serie B.

A programación deste ciclo, tal e como indicou o edil de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo, iniciarase este mesmo xoves coa proxección do documental “O gran Camiño”, ás 20.30 horas e con entrada de balde ata completar a capacidade do Pazo.

Alba e Raúl son os protagonistas deste documental, dous cineastas que cargados coas súas cámaras emprenden unha aventura de miles de quilómetros polas grandes rutas a pé do mundo, entre elas o Camiño de Santiago. No percorrido tratarán temas universais e moi diversos coa xente que van atopando. O traballo foi finalista dos XX Mestre Mateo na categoría de Mellor documental e seleccionado e premiado en máis dunha vintena de certames internacionais, a maiores de recibir recentemente o Premio Abanca ó impulso da sostibilidade outorgado pola Academia Galega do Audiovisual.

Sánchez Fojo explicou que este Ciclo Mestre Mateo consta dun total de oito proxeccións, con periodicidade mensual. Así mesmo, apuntou que entre os obxectivos desta iniciativa están facilitar o acceso da cidadanía ó cinema galego, favorecer as proxeccións públicas como actividades colectivas que crean comunidade arredor do cine, contribuír á diversificación da oferta cultural dos concellos e poñer en valor o talento creativo de artistas e profesionais do sector audiovisual.

Lea también

A REGAPS da Área Sanitaria de Ferrol organiza un ciclo adicado á Fibromialxia no centro de saúde de Narón

A Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS) e a Subdirección de Humanización, Calidade e …