Charla «Verdades e trolas sobre as vacinas e a covid-19» no Pazo da Cultura, Narón

Un total de 662 alumnos de cuarto da ESO e primeiro de Bacharelato de centros de ensino de Narón e doutros concellos da comarca asistiron este martes, día 29 de marzo, no Pazo da Cultura á charla “Verdades e trolas sobre as vacinas e a covid-19”.

A concelleira de Ensino de Narón, Mercedes Taibo, asistiu á convocatoria, programada co fin de informar ós asistentes sobre a importancia da ciencia, agradecendo a implicación na organización e a participación dos centros de ensino.

A profesora do IES Fene Violeta Miraz é a persoa encargada de organizar cada ano esta convocatoria, que nesta ocasión presentaron dúas alumnas do citado instituto.

Alumnado dos IES Fernando Esquío de Neda, IES Cabo Ortegal de Cariño, CPI do Feal e IES As Telleiras de Narón; IES Concepción Arenal, Sofía Casanova e Saturnino Montojo, de Ferrol; CPI A Xunqueira e IES Fene, de Fene, presenciou a convocatoria, a cargo do pediatra e investigador Federico Martinón-Torres, ourensán e xefe e coordinador do servizo de Pediatría do Hospital Clínico Universitario de Santiago.

Trala intervención do profesional sanitario, de aproximadamente unha hora, os estudantes tiveron a oportunidade de realizarlle as preguntas que consideraron oportunas.

O Pazo da Cultura acolle anualmente, a cita suspendeuse o pasado ano coas restricións da covid-19, unha charla dirixida a alumnado de Ferrolterra, Eume e Ortegal sobre temas de divulgación científica na que os relatores buscan a implicación do alumnado, con intervencións dinámicas, para que vexan a importancia do traballo que realizan e espertar algunha vocación científica.

Lea también

O Pazo da Cultura de Narón acolle o espectáculo de danza tradicional “Ceibe”

O Pazo da Cultura de Narón acolle esta fin de semana unha nova proposta, o …