Radares pedagóxicos nas inmediacións do colexio de Piñeiros, Narón

Dous radares pedagóxicos ou educativos comezaron a funcionar o venres día 25 de marzo, nas inmediacións do colexio de Piñeiros.

Así o anunciou a alcaldesa, Marián Ferreiro, que explicou que se trata de “dispositivos de seguridade viaria a través dos que se aposta por evitar excesos de velocidade informando aos condutores que transitan pola zona”. Os radares, que funcionan con enerxía solar, están ubicados no tramo comprendido entre o colexio de Piñeiros e a residencia Nuestra Señora de los Desamparados, un en cada sentido de circulación.

Nos paneis dos radares, ó paso dos vehículos, amósase a velocidade á que circulan e tamén unha mensaxe. Ó tratarse neste caso dun tramo limitado a 50 quilómetros por hora, se a velocidade non supera os 40 pódese ler o texto “velocidade axeitada”, en 50 aparece “precaución”, de 50 a 60 quilómetros por hora “modere a velocidade” e se supera os 60 alerta de “velocidade excesiva”, amosando un emoticono cunha cara enfadada de cor vermella.

“Estes dispositivos tratan de concienciar ós condutores da importancia de circular a unha velocidade axeitada en cada caso, polo que teñen tamén un papel educativo e unha función meramente informativa”, apuntou a rexedora local.

Os radares pedagóxicos estarán instalados unha tempada na actual ubicación, se ben se poden cambiar a outros puntos da cidade nos que se considere oportuno. “As zonas máis indicadas para instalalos son aquelas de maior afluencia de persoas e vehículos, neste caso un centro de ensino da cidade”, apuntou.

Entre as vantaxes e prestacións destes radares, segundo explicou Ferreiro, está tamén o feito de que levan incorporado un software no que se almacenan unha serie de datos “de especial interese para poder analízalos e estudar o comportamento dos condutores e da circulación en xeral en tramos concretos”. Deste xeito, a través da “función aforador”, almacénase o número de vehículos que pasan, determinando se son lixeiros ou pesados, a velocidade á que circulan, o día e a hora, gravando e gardando esa información.

“Dende o goberno local consideramos prioritaria a seguridade viaria e, neste caso, a través dun sistema que evita outras medidas máis agresivas como as bandas sonoras, informando e concienciando aos condutores da importancia de circular á velocidade axeitada en cada tramo”, subliñou Ferreiro.

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …