O Pico Sacro e a lenda xacobea

José Fonte Sardiña
Conta Manuel Murguía que “os cumes das montañas tiñan algo de divino para o ario e que talvez por iso os celtas galegos os facían morada dos deuses superiores […]. Cando o historiador romano Marco Juniano Justino se refire á senlleira montaña que se levantaba nos confíns de Galicia, fala do Pico Sagro […] e asegura que o tiñan por sagrado e que era unha impiedade ferilo co ferro. Nas súas entrañas encerraba unha inxente cantidade de ouro que só podía recollerse cando o raio, fendendo os flancos do monte, o traía á superficie […]. Aquí os discípulos do Apóstolo viñeron buscar os bois salvaxes, símbolo do sol, e tamén foi desterrado deste mítico lugar o dragón, que é outra representación solar” [tomado e traducido de Manuel Murguía: “Galicia”, primeira edición Barcelona, 1888, citado pola de Sálvora, Santiago de Compostela, 1985, p. 200- 202].

Falando do culto aos montes e os penedos dos nosos devanceiros prerromanos, considera Vicente Risco que “o máis soado é o do Pico Sagro, entre A Ulla e Santiago. Xa veremos como na epopea xacobea aparece alí un gran dragón ou serpente. Cando a doenza chamada Fogo de San Antón inzou en Galicia, os doentes ían ao Pico Sagro,puñan unha ofrenda de pan na herba e facían a seguinte invocación, que se supón ser do século XIII: ‘Pico Sagro, Pico Sagro, / que te consagrou o bendito Santiago, / líbrame deste fogo airado, / pola intercesión da Virxe María, / un Padre nuestro e un Ave María’ ou sinxelamente: ‘Pico Sagro, Pico Sagro, / sándame do mal que eu trago’. Invócase nas dúas directamente ó monte, como se o monte puidera escoitar e tivera de seu virtude
para sandar” [Vicente Risco: “Etnografía”, en Obras Completas, t. III, Galaxia, Vigo, 1994, p. 32 e 33].

Así e todo, como di Otero Pedrayo, “non debe esquecerse que a conquista de Galicia polos romanos coincide coa formación do cristianismo […]. É o primeiro Imperio e a primeira influencia estraña que sofre a Galicia celta […]. Polo camiño chega e na cidade fala a Boa Nova, o Evanxeo de Cristo. Pola vía romana e tamén polo mar. A traxectoria da barca de Santiago non toca costa ningunha ata aquela predestinada, onde o Ulla e o Sar senten o amargor da onda mariña […]. Galicia empápase asemade de Evanxeo e de latín. Sen deixar de ser celta entra na familia dos pobos da cultura […]. A cruz trepou ata fincarse
no castro, na cuíña sagrada e sobre a pedra máxica. Unha dor debeu sentirse en amplos horizontes cando dominou os cumes prestixiosos como o Pico Sagro, o castro de Santa Trega, a serra de San Mamede. Unha dor axiña volta consolo e esperanza, pois non mataba totalmente […]. A barca do Apóstolo lembra os milagreiros esquifes de pedra dos que foron proeiros os taumaturgos da Celtia insular […], simbolizando a continuación dun Imperio noutros” [tomado e traducido de Ramón Otero Pedrayo: “Ensayo histórico sobre la cultura gallega”, primeira edición Santiago de Compostela, 1933, citado pola de La Voz de Galicia, A Coruña, 2004, p. 23-36] [O Apóstolo sobre o penedo de Santiaguiño do Monte, en Padrón, onde, consonte a tradición, predicara cando viñera evanxelizar esta terra].

A tradición xacobea, recollida maxistralmente xa no século XII no “Códice Calixtino”, liga a translatio dos restos do apóstolo Santiago desde Xerusalén coa lenda da raíña Lupa. “Os seus discípulos, apoderándose furtivamente do corpo do mestre, con gran traballo e extraordinaria rapidez, lévano á praia, onde atopan unha nave preparada para eles. Subíndose a ela, lánzanse ao mar aberto e, en sete días, chegan ao porto de Iria, que está en Galicia, e a remo alcanzan a desexada terra […], e trasladan o sagrado corpo a un pequeno campo dunha señora chamada Luparia [a raíña Lupa] […]. Pídenlle que se lles conceda un pequeno templo [para o enterrar] onde ela colocara un ídolo para adoralo” [Xosé López Díaz (trad.): “Códice Calixtino. O Codex Calixtinus en galego”, Vigo, 2009, Libro III, capítulo I, p. 380] [Representación da translatio na Fonte do Carme, Padrón].

Lupa envíaos, con enganos, onda o rei que vive en Duio a pedirlle “un lugar para dispoñer unha sepultura ao voso morto […]. Pero o rei […], aguilloado por unha suxestión diabólica, ordena, cruel ata o extremo, que ocultamente se lles tenda unha emboscada e que se mate aos servos de Cristo […]. Descuberto isto […], escapan fuxindo con rapidez […] e, cando xa chegara o momento de estar a punto de ser mortos […], atravesan […] unha ponte sobre certo río que […] por determinación de Deus todopoderoso […] se vén abaixo […] para que nin un tan só […] dos perseguidores sobrevivise” [Idem, p. 381] [Ponte de Francos, Teo, no antigo Castro Lupario].

Chegados novamente onda a raíña Lupa, díxolles ela: “Ide e collede uns bois mansos que teño no monte, e carrexando con eles o que necesitedes, edificade o que vos pareza de máis utilidade […]. Ao pisar os lindeiros do monte, de súpeto, un enorme dragón […], saíndo da súa cova, lánzase, botando chamas, contra os santos varóns de Deus, e eles […], opoñendo sen medo a defensa da cruz, obrígano a retroceder e, ao non poder resistir o signo da cruz do Señor, rebenta por metade do ventre […]. Finalmente, para botar daquel lugar a concorrencia de demos, esconxuran a auga e esparéxena por todo o monte […], chamado antes Illicino […], o que seduce, porque con anterioridade a aquel tempo tributaban alí culto ao demo moitos homes perversamente seducidos. Foi chamado por eles Pico Sacro” [Idem, p. 382].

“E ao ollar desde alí corricar os bois que enganosamente [a raíña Lupa] lles prometera, venos bravos e bruando, escornando o chan coa parte máis alta da súa testa e golpeando  fortemente a terra cos pezuños. De súpeto […], submisos, baixaron espontaneamente a súa cornamenta perante as mans dos santos varóns. Os portadores do corpo santo, acariñando os animais mudados de salvaxes en dóciles, sen tardanza póñenlles encima os xugos e, marchando por un camiño recto, entran nos palacios da muller cos bois xunguidos. A raíña Lupa, estupefacta, recoñecendo os admirables milagres […], faise crente do nome de Cristo” [Idem, p. 382 e 383] [Translatio do apóstolo Santiago, de Giovenale Johanalis de Orvieto, en 1441, na Pinacoteca e Museo Cívico de Camerino, Italia].

No lugar onde os amansados bois salvaxes se detiveron, coñecido como o bosque Libredón, berce do que logo foi a cidade de Santiago de Compostela, “construíron un sepulcro de cantería no que, con primoroso enxeño, se garda o corpo do Apóstolo” [Idem, capítulo II, p. 385].

É ben sabido que en Teo, onde vivo desde que casei hai xa trinta anos, o Pico Sacro se pode ver desde todas as súas parroquias. Para min resulta un auténtico pracer pasear ―agora, cos días máis longos e o cambio de hora, podo facelo a diario― polo concello en boa compañía desde Covas ata Penelas coa protección desta montaña sagrada dos galegos e gozar tamén da vista ao lonxe do vello bosque Libredón, que acolleu, consonte a tradición, os restos de Santiago o Maior e foi a orixe de Compostela, a cidade que con xustiza leva ademais o nome do seu Apóstolo.

Lea también

Sabores ártabros-Publicidad gratuita

José Perales Garat Pues sí, voy a hacer publicidad gratuita, aún a riesgo de que …