O Domingo de Ramos eumés e as follas bieitas de loureiro

José Fonte Sardiña

Sempre que se achega a Semana Santa recordo con emoción a véspera do Domingo de Ramos da miña infancia, na que os meus irmáns e mais eu subiamos co noso pai pola aba do Breamo ―as outras visitas obrigadas ao monte sacro eumés eran o oito de maio e o vinte e nove de setembro, días da romaría de San Miguel, e as datas previas ao Nadal, para apañar un pouco de musgo para o nacemento― na procura de pólas de loureiro, un chisco máis grandes cada ano, para a súa bendición no adro parroquial. Breamo era o noso particular Monte das Oliveiras, onde se collían os galegos loureiros no canto daquelas emblemáticas ramas da árbore á que alude o topónimo do Evanxeo. Que alegría recuperar a procesión despois de dous anos seguidos sen poder facela por mor da maldita pandemia!

Antes da misa, don Pedro, acompañado do fiel e discreto don Vicente, o seu sempiterno coadxutor, collía o acétere cheo de auga bieita e esparexíaa co hisopo polos ramos que nós tiñamos ben erguidos no adro parroquial. Cando naceron meus fillos, íamos buscar os loureiros a Cioi, á casa do seu padriño (Foto de Tito Ríos).

Ao finalizar a longa e bulideira eucaristía na que escoitabamos de pé, coa roupa e os zapatos de estrea, o relato evanxélico da Paixón de Xesús Cristo, había decote un combate de ramallos que ás veces finalizaba con algunha fenda na cabeza ou na roupa nova. Algunhas nenas levaban palmas (Fotos de Tito Ríos do Arquivo de Antonio Leira Noche).

Acotío andaba polo adro Tito Ríos, o notario maior das celebracións eumesas, coa súa cámara, sempre atento, para captar ese momento especial que queremos gardar tamén no noso álbum fotográfico malia que na memoria do corazón xa permaneza indeleble.
Unha daquelas mañás colleu á miña avoa Jesusa Barral saíndo da igrexa parroquial do brazo da nosa querida Paragüeira coas follas de loureiro xa bieitas, que farían máis santas e saborosas as comidas do ano (Foto de Tito Ríos).

Alá polo 1977, don Pedro Díaz Casteleiro marchou para A Coruña, onde, na igrexa de Santa Lucía, desempeñou as súas tarefas sacerdotais ata o seu pasamento, e o novo párroco, don José Ramón Cascón Raposo, que faleceu o pasado decembro e fora substituído xa en 2018 por don Benjamín Sevillano Gallego despois de máis de corenta anos en Pontedeume, tivo, ao meu ver, unha moi boa idea. Trasladou a bendición dos ramos ao santuario das Virtudes e desde alí organizou unha procesión polas rúas da vila ata o templo parroquial. Convertía así o adro da vella capela naquel lugar preto de  Betfagué e Betania, ao pé do Monte das Oliveiras ―que no noso caso era o Breamo―, do que falaban as Sagradas Escrituras (Mateo, 21, 1; Marcos, 11, 1; Lucas, 19, 29), e as rúas eumesas, cheas de nenos cos seus ramallos para recibir a Xesús, nunha pequena Xerusalén. Os cregos e as autoridades municipais levan grandes palmas.

O acontecido en Pontedeume no difire moito das celebracións desta festa nas cidades e vilas de Galicia. En Ourense, contaba Vicente Risco que “o Domingo de Ramos acudía xente, principalmente á catedral, con ramos de loureiro e de oliveira para que os bendiciran. Hoxe predominan as palmas; noutros tempos non había máis que as dos cóengos que eran sinxelas e a do señor bispo que era toda entrenzada e adornada […].
Os rapaces levaban ramos de loureiro canto máis grandes puidesen e ían batendo uns cos outros e metendo barullo” (Vicente Martínez Risco: “Etnografía”, Obras completas, t. III, Vigo, 1994, p. 600) (Foto de Ángel Cendón).

Así e todo, a imaxe do Neno Xesús que se levou nos primeiros anos ―hoxe se atopa no retablo de Santa Lucía― non tiña sentido iconográfico ningún ―aínda que si sentimental, porque, polo seu tamaño, a podían levar os nenos―, e pronto se lle puxo remedio a iso. Mercouse un fermoso paso máis axeitado para a procesión, o de Xesús Cristo montado nunha burriña, bendicindo o pobo coa man dereita e coa palma do seu martirio redentor na esquerda, consonte contaban os relatos evanxélicos. No último ano antes da pandemia foron as dúas imaxes na procesión.

“Ide á aldea que tedes aí por fronte, e alí atoparedes unha burra atada e un burriño con ela. Ceibádeos e traédeos […]. Foron os discípulos e fixeron o que Xesús lles mandara.
Trouxeron a burra e mais o burriño, botáronlle enriba os mantos e o Mestre montou. Moita xente estendeu tamén os seus mantos no camiño; outros cortaron pólas das árbores e espalláronas igualmente ao seu paso. E os que ían diante e mais os que o seguían, exclamaban: ¡Hosanna ao Fillo de David! ¡Bendito o que vén no nome do Señor! ¡Hosanna nas alturas! E entrou en Xerusalén” (tomado e traducido de Mateo, 21, 2-10) (Foto de Ángel Cendón).

Desde aquela, mentres as campás das Virtudes anuncian con toda a súa forza o xúbilo das xentes, a procesión baixa polas escaleiras do adro, continúa pola avenida de Raxoi, a travesa da Real, as rúas Real e da Inmaculada, a praza do Conde, a antiga Cátedra de Latinidade e a rúa da Pescadería, pola que a procesión sobe ata o adro da igrexa parroquial, onde se escoita de novo o alegre repenicar das campás. Antes da misa, o párroco volve bendicir os ramos xa dentro do templo. Desde 1990, a Escola de Música Charamela de Pontedeume acompaña e fai máis solemne e fermosa a procesión (Foto de Ángel Cendón).

Ata finais dos anos setenta, saía na tarde do Domingo de Ramos, arredor do adro parroquial, a barroca imaxe de Cristo atado á columna, chamada tamén do Ecce Homo, que quere dicir “Eis o home”. Esta talla mostra un gran patetismo no rostro aflixido de Cristo, que así e todo se presenta sereno e resignado. Cobre o seu corpo espido cun pano de pureza e leva as mans, de finos e delicados dedos, atadas á columna. No lombo ten gravadas as chagas que os soldados lle inflixiran cos seus vergallos (Fotos de Lola Fornos Ríos).

Hoxe, esta imaxe, seguindo un criterio iconográfico máis rigoroso, vai na procesión do Viacrucis do Xoves Santo.

Lea también

Sabores ártabros-Publicidad gratuita

José Perales Garat Pues sí, voy a hacer publicidad gratuita, aún a riesgo de que …