As obras da senda peonil e ciclista entre Freixeiro e Xuvia «continúan en marcha» Narón

O concelleiro de Obras, Pablo Mauriz, este martes, día 26 de abril, saíu ó paso das declaracións realizadas polos populares naroneses sobre diversas actuacións proxectadas e en execución na cidade.

Respecto ós traballos correspondentes á senda que enlazará os paseos de Freixeiro e Xuvia, entre o muíño de As Aceas e a rúa Conde de Fenosa, o edil recalcou que “continúan en marcha e hoxe mesmo había operarios da adxudicataria traballando na zona”.

Mauriz explicou que “tan só se parou na Semana Santa e durante uns días este mes debido ás choivas, que impedían avanzar nas actuacións que realizaban nese momento”.

Mauriz lamentou que “formando parte da corporación local, un partido político se permita dicir que unhas obras están paralizadas sen nin sequera interesarse polo estado de execución das mesmas nin comprobalo por si mesmos”. O concelleiro de Obras defendeu o proxecto en marcha e que cumpre con todos os requisitos e autorizacións precisas para este tipo de intervencións.

En canto ó parque fluvial de Xuvia, o edil asegurou que o Concello xa realizou os trámites pertinentes coas administracións supramunicipais e continúa á espera da concesión das autorizacións precisas para proceder á licitación dos traballos.

Ante as manifestacións realizadas polo voceiro popular Mauriz asegurou que “é incrible que unha persoa que estivo á fronte da alcaldía dun concello durante varios anos realice unhas declaracións sen antes informarse oficialmente de cada actuación, recoñecendo el mesmo que souberon desa situación que denuncian por medio dos veciños, cando eles mesmos representan a unha parte no Concello e dispoñen dos medios necesarios para contrastar ese tipo de informacións”

Así mesmo, o edil aclarou que a imaxe que adxuntan acompañando as declaracións dos populares correpóndese cunha construción que se localizaba no tramo e sobre a que se está á espera do derribo e retirada de escombros.

Lea también

Charlas dirixidas a familias con menores matriculados nas escolas infantís de Narón

A edil de Ensino do Concello de Narón, Olga Ameneiro, informou que os días 22 …