O Padroado da Cultura de Narón retomou o programa de visitas «EsPazo Vivo»

O Padroado da Cultura de Narón retoma as visitas “EsPazo Vivo” ó Pazo da Cultura, impulsadas a través do programa de Recursos Educativos de Apoio á Escola e organizado en colaboración co Servizo Sociocomunitario Municipal.

Máis dun centenar de persoas acudirán a estas visitas dende este venres, día 29 de abril ata finais de maio. Na xornada do citado venres deron comezo cun grupo de 23 menores de segundo curso da ESO do CPR Jorge Juan, que chegaron ó Pazo ás 10.00 horas e estiveron ata as 13.00.

“Estas visitas están pensadas para que os escolares de Narón coñezan todos os espazos do Pazo da Cultura e, ó mesmo tempo, explicarlles que é o que se fai en cada un deles e nas diferentes escolas do Padroado”, explicou a alcaldesa e presidenta do citado organismo, Marián Ferreiro.

Os rapaces visitan as aulas de música do Pazo, donde reciben información sobre os instrumentos; de baile tradicional, cunha pequena clase sobre esta disciplina; canto e pandeireta, tamén cun apartado práctico; de teatro… No seu percorrido polas instalacións, os menores tamén baixan ó escenario e coñecen como funcionan, por exemplo, os equipos de iluminación, para rematar a visita no Café Teatro.

“Trátase de visitas que se adaptan á idade dos nenos, para que en función da mesma poidan aproveitar ó máximo toda a información que se lles traslada e, nalgúns casos, cubrir un caderno a medida que avanzan na visita para descubrir unha clave final” apuntou a alcaldesa.

As vindeiras visitas programadas en “EsPazo Vivo” terán lugar o vindeiro mes de maio, o día 18 acudirá alumnado do curso do Programa de Inclusión social de Mulleres; os días 23 e 27 alumnado do CPR Jorge Juan, de primeiro e segundo curso de Primaria, respectivamente, e o 30 escolares de quinto de Primaria do CEIP Ponte de Xuvia. En todos os casos as visitas desenvolveranse de 10.00 a 13.00 horas.

Lea también

Concello de Narón e AGA Ferrolterra organizan charlas sobre a avespa asiática

A delegación en Ferrolterra da Asociación Galega de Apicultura (AGA) e o Concello de Narón …