A romaría de San Miguel de Breamo

José Fonte Sardiña

Dos antigos poboadores ártabros, cuxas terras este golfo bañaba, quedan abondas pegadas como o chamado castro de Centroña ou de Perbes. O torque alí atopado en 1912 por un veciño, datado entre os séculos I e II antes de Cristo, é unha das súas maiores xoias. Así e todo, contra o ano corenta do século I, entrou polo golfo Ártabro a nave trirreme dos romanos, que conquistaran estas terras, como nos narra Pomponio Mela na súa “Chorographia”. Conta a lenda que os últimos celtas galegos que quedaran cercados no mítico monte Medulio, por non se renderen e someteren ao xugo do Imperio Romano, cando se decataron da súa extrema situación, enguliron o veleno que alí se obtiña das árbores chamadas teixos despois de espremer as súas bagas cocidas.
Ninguén sabe con certeza en que lugar de Galicia se atopaba este emblemático monte Medulio, polo que cada terra o identificou coa súa montaña sagrada. Así pois, a resistencia dos ártabros sen dúbida tivo que ser baixo a protección do Breamo.

En Pontedeume, temos no paseo marítimo un exemplar varias veces centenario desta emblemática árbore, o teixo, esplendoroso na miña infancia e que hoxe loita bravamente por non morrer. Así e todo, os romanos, que nos impuxeron moitas cousas, non todas malas, e borraron boa parte da pegada dos antigos poboadores da nova Gallaecia, deixaron un froito moi saboroso coa súa invasión, o noso tesouro máis prezado, a lingua galega, labrada polo pobo ao longo dos séculos, que cómpre conservar co mesmo entusiasmo, aínda que con máis éxito, que o demostrado polos heroes do Medulio.

É ben coñecido que os celtas e outros pobos prerromanos adoitaban construír nos cumios das máis altas montañas ―Breamo vén do celta Brigamo, que significa monte supremo ou moi elevado― monumentos relixiosos, porque alí se sentían máis preto dos deuses. Os restos etnográficos e toponímicos atopados nas Terras do Eume fanlle pensar ao conde de Quirós na moi alta probabilidade de que na cima do Breamo houbese algún monumento deste tipo, substituído en 1187 polo actual templo románico, onde conta unha lenda, relacionada co rosetón da porta principal, que se lles apareceu o Neno Xesús na Noiteboa daquel ano aos seus primeiros custodios, once cabaleiros templarios.

Ademais, en moitos destes cumios foron erixidos santuarios coma o noso na honra de san Miguel para lembrar o súa milagrosa aparición no monte Gargano, no sur de Italia, o oito de maio do ano 490, de aí que os eumeses celebremos unha das romarías nesa data. A outra é o vinte e nove de setembro, que se corresponde coa festividade dos tres arcanxos, Miguel, Gabriel e Rafael, fixada pola Igrexa.

A festa de San Miguel de Breamo é, desde tempos inmemoriais, unha romaría enxebre e con fondas raíces galegas. Ademais das ancestrais tradicións, que talvez nos deixasen os vellos ártabros, de venerar a divindade no cumio dun monte, dar as voltas ―tres, sete ou nove, consonte o costume de cadaquén― e poñer o santo coa cruz celta ―que ten a figura en relevo do arcanxo coa balanza de pesar as almas no centro―, sempre en lingua galega ―Santo bendito che quite a enfermedá [sic] e che poña a sanidá [sic], polo amor [poder] de Deus e da Virxe María. Un Padrenuestro [sic] e unha Avemaría―, a imaxe de san Miguel toda a vida saíu na procesión acompañada polas gaitas que interpretaban a marcha do Antigo Reino de Galicia.

Poñer o Santo

Eu, que asisto á romaría sempre que podo desde o meu iniciático San Miguel con algo menos de dous meses de vida ―metido nun seirón levado polo meu pai e Enrique Fraga, o meu padriño de Breamo―, escoitei aquí a miña primeira misa en lingua galega, cando o castelán era o idioma oficial e case único da nosa Igrexa, e a interpretación do himno galego, no canto do español, ao alzar no momento da consagración. Seica por iso cantou un día Xosé María Pérez Parallé: “No San Miguel de Breamo, / o sol gaiteiro tocaba / os sones fortes e rexos / do himno da nosa Matria; / e no cumio, ergueita e ceibe, / a bandeira azul e branca”.

A parte primeira e máis dura da subida ao monte de Breamo remata nas chamadas escaleiras do Monumento. Finalizada a súa ascensión polos estreitos, medio escachados e, ás veces, esvaradíos chanzos, cómpre facer unha paradiña e botar o primeiro grolo de viño do camiño. Talvez o seu nome sexa debido á semellanza que tiñan coa parte central das empinadas escaleiras do Monumento do Xoves Santo, que se levantaba no altar maior do templo parroquial de Santiago de Pontedeume para que os fieis adorasen o Santísimo Sacramento. Esta grandiosa e aparatosa construción de quitar e poñer, de estilo neogótico, con escaleira en tridente, foi colocada na Semana Santa eumesa desde finais do século XIX ata os últimos anos da década dos sesenta do XX.

Ademais das dúas tallas do santo que saen en procesión, unha de vestir, de branco, na que o arcanxo mata ao demo cunha lanza ―en setembro―, e outra na que vence ao diaño cunha espada ―en maio―, hai tamén na capela unha imaxe pétrea ―que aínda conserva restos de policromía― de san Miguel coa balanza de pesar as almas, realizada por un obradoiro neomateán de Betanzos a principios do século XV.

A romaría dura todo o día. Os maiores, consonte a vella tradición, subimos xa pola mañá, celebramos alí o xantar e continuamos logo a festa. Antigamente, a romaría remataba coa caída do sol.

Así e todo, a cousa cambiou un pouco desde hai uns anos, porque os máis novos toman primeiro os viños na vila, comen polo camiño e chegan ao cumio do monte case co serán, e a festa rachada remata de noite cunha actuación musical a carón da ermida.

Lea también

Concierto en Ferrol

Julia M.ª Dopico Vale ¡Oh, Mozart, Mozart inmortal! ¡Cuántas sugerencias infinitas de una vida mejor …