Cedeira será a capital do teatro en Galicia, do 20 ó 22 de maio

Cedeira é unha das catro vilas galegas polas que vai xirar a nova produción do Centro Dramático Galego, tal como este luns, día 9 de maio, explicou o seu director Fran Núñez, no marco dunha experiencia piloto que consiste non só en levar unha obra de gran formato a un concello pequeno, senón en permanecer alí con funcións durante varios días.

“Do 20 ó 22 de maio Cedeira vai ser a capital do teatro en Galicia”, subliñou Núñez, quen apuntou que pola experiencia que tiveron xa en Cee, a anterior parada, a obra ten poder para atraer xente da contorna e tamén de máis lonxe.

“As oito da tarde, cando morren as nais” é unha peza contemporánea, innovadora e visualmente moi potente. Dela destacou Fran Núñez o texto de AveLina Pérez, premiado co Álvaro Cunqueiro en 2018, e a dirección de Marta Pazos, unha muller de recoñecida traxectoria, un tándem, dixo, de “valores seguros”. O paso da produción por Cee foi todo un éxito, explicou.

“É o deber do teatro público explorar novas fórmulas que poden abrir camiños tamén ás compañías privadas”, considerou o director do CDG, que estivo acompañado na presentación que tivo lugar o citado luns, no Auditorio de Cedeira polo alcalde, Pablo Diego Moreda Gil, e polas concelleiras de Cultura, Ermitas García, e Turismo, Carmela Prieto.

As funcións serán no Auditorio Municipal de Cedeira os vindeiros venres e sábado, días 20 e 21, ás 21.00 horas, e o domingo, día 22, ás 19.00h. Tal como explicaron, as entradas están xa á venda, a un prezo de 4€ e con descontos do 50% para estudantes, desempregados, maiores de 65 anos, familias numerosas e outros colectivos, na web ataquilla.com. Ademais, o CDG estará xa en Cedeira o xoves 19 para ofrecer unha función para o público escolar.

Coa finalidade de facilitar a afluencia de público de toda a contorna, haberá autobuses gratuítos desde Ferrol, Narón e Valdoviño, que nos tres días de representación deixarán ás persoas usuarias tempo suficiente na vila tanto para asistir á función como para dar un paseo e tomar algo.

Para empregar os autobuses, será preciso, unha vez comprada a entrada, chamar ou enviar unha mensaxe de Whatsapp para apuntarse ó número 649 87 66 14. Os itinerarios adaptaranse á demanda e máis preto das datas da función informarase da oferta.

Camila Bossa, Sabela Domínguez, Xosé Manuel Esperante, Davide González, María Llanderas, Alba Loureiro e Toni Salgado forman o elenco da obra, que dura 75 minutos e está recomendada para maiores de 12 anos.

A produción do CDG fai tamén un esforzo de integración, xa que contan con intérprete de lingua de signos, audiodescricións e subtítulos para as persoas con discapacidades auditiva ou visual. “As oito da tarde, cando morren as nais” é un xogo irónico sobre a relación entre o teatro e o público. De feito, a escenografía reproduce un patio de butacas desde o que se suceden as obxeccións ó traballo da actriz.

Lea también

Cariño intensifica su plan integral de restauración de mobiliario

Reparación de baldosas, reposición de aceras y bordillos de aceras, restauración de papeleras o sustitución …