3º Congreso de Seguridade e Educación Viaria de Narón

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, inaugura este xoves, día 19 de maio, no Pazo da Cultura, ás 10.00 horas, o “3º Congreso Galego de Seguridade e Educación Viaria de Narón”.

No acto, que presentará Ana Montalbán, da Red de Ciudades que Caminan, estará tamén presente o director Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia e da Academia Galega de Seguridade Pública, Santiago Villanueva.

Preto dun centenar de persoas están inscritas nesta convocatoria, que se desenvolverá en horario de mañá e tarde e tamén o venres 20 pola mañá. A conferencia inaugural correrá a cargo do xeógrafo José Francisco Cid e dará inicio tralos discursos da alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro e o director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta, Santiago Villanueva.

A importancia do congreso, ademais de recuperar unha certa sensación de normalidade trala pandemia, reside en que tanto a seguridade viaria como a educación relacionada coa mobilidade e o espazo público, están a conformarse como piares básicos na reformulación das cidades e os espazos habitados en xeral.

A educación viaria será unha materia obrigatoria nas aulas e na actualidade están a conformarse os contidos e fórmulas adecuadas para que a súa dimensión docente estea proporcionada coa nova visión da mobilidade que se está conformando, na que o peón e os medios naturais de transporte son os prioritarios sobre os coches, que actualmente dominan as rúas e prazas. Ese cambio de óptica estará moi presente nas distintas intervencións do congreso.

Outro factor determinante que terá unha presenza importante nos debates é a conformación do espazo público e a organización da nova mobilidade, xa que dependendo de como configuremos as nosas cidades e espazos habitados, estaremos a contribuír en maior ou menor medida a loitar contra a violencia viaria.

Un concepto este, o de violencia viaria, que está a substituír á antiga “inseguridade viaria”. De como concibimos a repartición do espazo e os privilexios que lle outorguemos ó coche dentro do limitado espazo das rúas e prazas, dependerán moitos balances de persoas mortas e feridas no medio urbano e rururbano.

No mediodía deste xoves 19, o xornalista José Manuel Pan dará paso á mesa redonda sobre os modelos de espazo público, que será introducida polo arquitecto Valerio González e protagonizada polo alcalde de Pontevedra e presidente da Rede de Cidades que Camiñan, Miguel Anxo Fernández Lores, Anxo Queiruga, da Confederación Galega de Minusválidos e José Emilio Pérez Sevilla, de Ecologistas en Acción.

A seguridade viaria e os medios alternativos constitúen a segunda temática do congreso, na que participarán María José Aparicio, da DXT, como facilitadora, e José Ignacio Lijarcio, Concepción Blocona, Enrique Lorca e Jeanne Picard, moderados polo secretario general del Concello de Narón, Alfonso de Prado.

Moderada por Constantino Fuentes terá lugar a mesa de tarde, dedicada á educación viaria e a súa relación coas novas metodoloxías, na que participarán Octavio Moreno Cabrera, que actuará de facilitador, e Raquel Navas, Mónica Aznar, Juan Antonio Gutiérrez e Aurora Romar.

Finalmente a mañá deste venres, día 19 de maio, estará dedicada á cooperación internacional, e na sesión participarán dous relatores chegados do exterior, a colombiana Laura Daniela Gómez e o turco Emrah Kocak, nunha mesa moderada por María Pérez Rico. Na segunda parte desta sesión tomarán parte Iago Grueiro, alumno do IES Catabois e Javier Oliveira, do IES As Telleiras, en representación das comunidades escolares que estarán presentes: As Telleiras, Catabois, Piñeiros, Ponte de Xuvia e A Gándara.

A alcaldesa da cidade será a encargada de clausurar este evento, trala lectura da Declaración de Narón, un documento a modo de conclusións desta terceira edición do Congreso de Seguridade e Educación Viaria de Narón

Toda a información relativa a este evento pódese consultar a través da web: congresonaron.gal

Lea también

Axenda cultural de Narón do 7 ó 10 de xullo

Xoves 7 de xullo de 2022 Actividade: “Cine de Verán” Hora: 22.30 Lugar: praza da …