Clausura do «3º Congreso Galego de Seguridade e Educación Viaria de Narón»

O “3º Congreso de Seguridade e Educación Viaria de Narón”, organizado polo Concello de Narón, en colaboración coa Red de Ciudades que Caminan rematou este venres, día 20 de maio, no Pazo da Cultura.

A alcaldesa, Marián Ferreiro, foi a encargada de clausurar este evento. A coordinadora da Red de Ciudades que Caminan, Ana Montalbán, leu a declaración de Narón sobre espazos seguros e amables. Un documento no que se fixo especial fincapé en facer das cidades lugares máis sostibles atendendo ó incremento poboacional, o respecto ó medio ambiente, o benestar das persoas, o desenvolvemento económico, o espazo público e outras formas de mobilidade.

A continuación Ferreiro agradeceu a implicación de todas as persoas que participaron na convocatoria e fixeron posible o desenvolvemento deste congreso na cidade, destacando a importancia dos contidos abordados na convocatoria do xoves 10 e venres 20. Así mesmo, convidou ós asistentes a acudir á vindeira edición de este evento que prevé programar novamente o Concello para dentro de dous anos.

A programación desta última xornada iniciouse ás 10.00 horas, cunha mesa sobre “Cooperación internacional” moderada por María Pérez, docente de inglés e español, e na que participaron Laura Daniela Gómez, coordinadora de proxectos en Despacio.org en Colombia, e Emrak Kocak, coordinador do equipo de proxectos da UE da Dirección Provincial de Educación Nacional de Komya (Turquía).

Na segunda parte na que se desglosou a mesa interviñeron alumnos de IES de Narón e comarca, concretamente Iago Grueiro, do IES Catabois, e Javier Oliveira, do IES As Telleiras. A esta mesa acudiu como público alumnado dos institutos anteriormente citados e tamén do colexio do Feal, dos CPR Ayala e Santiago Apóstol e dos CEIP Piñeiros, Ponte de Xuvia e A Gándara

Os modos de internacionalizar as escolas, a utilización racional dos vehículos nas cidades, os beneficios da cooperación internacional e as accións propostas para promover a internacionalización nesta área foron algúns dos asuntos sobre os que se debatiu na última mesa.

A xeógrafa Marta Román Rivas expuxo a súa experiencia profesional para dar voz e espazo a colectivos que non están xeralmente representados na toma de decisións sobre a cidade, como infancia, mozas e mozos e persoas maiores. Para facelo, contou coa colaboración dun grupo de escolares, que ofreceron a súa particular visión sobre esta temática. “Para facer seguridade da boa temos que correr riscos, exponernos, como por exemplo para a nivel municipal peatonalizar rúas ou ampliar beirarrúas”, asegurou Marta Román.

As conclusións sobre as diferentes mesas celebradas déronse a coñecer ó final do acto, incidindo na importancia de que o espazo público sexa sostible, saudable e seguro, ó tempo que autónomo e integrador e tamén na relevancia da cooperación internacional “para coñecer outras realidades e poñer en valor o traballo que facemos cada un de nós”.

No exterior do Pazo o alumnado foi tamén o protagonista, participando en actividades impulsadas por unha das empresas colaboradoras deste Congreso, Renault Caeiro da Coruña.

Lea también

O Pazo da Cultura de Narón acolle o espectáculo de danza tradicional “Ceibe”

O Pazo da Cultura de Narón acolle esta fin de semana unha nova proposta, o …