Ponse en marcha o programa «Verán máis alá de Fene»

Un ano máis, a concellería de Cultura de Fene pon en marcha o «Verán Máis Alá de Fene» campus lingüístico co que se pretende “facilitar unha alternativa de lecer educativo, na nosa lingua, á vez que se promove a conciliación da vida laboral e familiar”.

O programa vai dirixido ó alumnado escolarizado en educación infantil e primaria nado entre os anos 2010 e 2018 (idades de referencia de 3 a 12 anos) e desenvolverase nas instalacións do CEIP de Centieiras do 4 ao 29 de xullo en horario de 8:00 a 14:00 h.

Para participar cómpre ser veciño de Fene (empadroado en Fene como mínimo dende o 2 de maio de 2022) ou acreditar ter estado escolarizado nun centro de ensino do concello ao longo do presente curso escolar. Ademais, novamente, o criterio de selección non será o da orde de inscrición senón a situación socio-laboral das familias.

Ó igual que en edicións anteriores, estableceranse dúas quendas, a primeira do 4 ó 15 de xullo e a segunda do 18 ó 29 de xullo, podendo participar os rapaces nas dúas ou só nunha. Ademais, novamente, dividirase en dúas franxas horarias: madrugadores , de 08:00 a 10:00 horas (os nenos poderán incorporarse, en frecuencias de media hora, ó longo desta franxa horaria) e Máis alá!, de 10:00 a 14:00 horas (os nenos terán que incorporarse ás 10:00 h e saír ás 14:00 h). O número de prazas dispoñibles será de 120, a razón de 60 prazas por quenda.

No Verán máis alá! 2022, os rapaces realizarán actividades artísticas e formativas, dende unha perspectiva lúdico-educativa, xogos cooperativos e populares, actividades pre-deportivas e deportivas, actividades acuáticas na Piscina Municipal (só na primeira quincena e durante a primeira semana), así como excursións pola contorna do centro e 1 excursión (na primeira quincena) fóra do noso concello.

Segundo informa o Departamento de Cultura, a preinscrición para o campus realizarase, preferentemente, por vía telemática, a través da sede electrónica (https://sede.fene.gal/) ou do Rexistro Electrónico Común (https://rec.redsara.es/registro/action/are/acceso.do) desde as 8:00 horas do día 1 de xuño ás 23:00 horas do día 3 de xuño. Excepcionalmente, tamén poderá realizarse presencialmente nestes mesmos días aínda que, para acollerse a esta modalidade, haberá que solicitar cita previa no teléfono 981 340 366.

Nesta primeira fase de preinscrición haberá que presentar a solicitude correspondente (dispoñible na web www.fene.gal) coa autorización expresa para que o Concello comprobe que os menores para os que solicita a preinscrición están empadroados en Fene ou estiveron matriculados nun centro de ensino do termo municipal en 2021/2022.

Unha vez rematado o prazo de preinscrición, realizarase a avaliación das solicitudes atendento aos criterios familiares e laborais que se estipulan nas bases do programa. Feita a baremación, o 8 de xuño ás 14:00 h publicarase na páxina web http://www.fene.gal a relación de persoas que obtiveron praza en Verán máis alá! e, xa que logo, poden matricularse nesta actividade. Tamén se publicará o listado das persoas que quedan en lista de agarda.

En canto ó custe da actividade, dende a concellería de Cultura avanzan que, para o 1o membro da unidade familiar, todo o mes, ascenderá a 68,15€ e, a partir do 2o membro da unidade familiar, a 36,70 €. No caso de escoller a opción dunha quincena, o custe para o 1o membro da unidade familiar será de 34,08 € e, a partir do 2o membro da unidade familiar, 18,35 €. Lembran ademais que, no caso de familias en situación de escasa capacidade económica, as tarifas poderán reducirse no 50% e mesmo acceder gratuitamente á actividade nos termos sinalados no artigo 4 da Ordenanza fiscal núm. 2.

Para máis información pódese chamar ó departamento de Cultura do Concello de Fene ó teléfono 981 340 366

Lea también

Valdoviño y Aspaneps favorecen el reciclaje de tapones de plástico

El Ayuntamiento de Valdoviño y Aspaneps, Asociación de Padres de Niños con Problemas Psicosociales,  inician …