Presentada a terceira edición do Gulliver Fest en Pedroso, Narón

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e a concelleira de Turismo, Natalia Hermida, presentaron este venres, día 3 de xuño, con Ángel Sánchez e Martín Vázquez, presidente e secretario respectivamente da Asociación FurgoGalicia, a terceira edición do Gulliver Fest, organizada polo Concello de Narón, o Padroado da Cultura e a Asociación FurgoGalicia.

O evento, moi recoñecido dentro e fóra da cidade, desenvolverase do 5 ó 7 de agosto na área recreativa de Pedroso, tal e como avanzou Ferreiro, e inclúe unha gran variedade de propostas dirixidas a persoas de todas as idades.

A rexedora local explicou que as actividades e concertos son de acceso libre, se ben as persoas que desexen acampar coas súas furgonetas, caravanas e autocaravanas poden reservar praza dende o vindeiro luns, día 6 ás 00.00 horas, a través da web: www.gulliverfest.es, donde se ofrece información deste evento

O Festival da Cultura viaxeira Gulliver Fest abrirá oficialmente a súa programación o día 5 ás 16.00 horas, se ben as actividades e concertos desenvolveranse os días 6 e 7. O sábado ás 9.00 horas haberá ioga e tamén unha carreira de orientación, cun carácter popular e tamén este ano, como novidade, cunha opción máis deportiva para todas as persoas que desexen participar, que se terán que inscribir previamente.

Ó mediodía, sobre as 12.00 horas, haberá unha representación teatral e ás 13.00 horas será o primeiro concerto, a cargo de Martins Aneiros Band. O teatro retomarase pola tarde, ás 16.00 horas, e tamén o sábado celebraranse un obradoiros de creación de chapas e as xa tradicionais Charlas viaxeiras, das que naceu o Gulliver Fest e que este ano terán un especial protagonismo para expoñer as propostas de viaxeiras e viaxeiros que queiran participar, que se poderán anotar tamén a través da web.

Para completar o programa desa xornada ás 20.00 horas actuará Fanfarria, ás 21.00 Mississipi Queens & The wet dogs, ás 22.30 será o turno de Brassica Rapa e ás 23.00 pechará o programa a formación Festicultores.

Na última xornada, o domingo 7, haberá unha sesión de ioga ás 9.00 horas e ás 11.30 haberá competicións de xogos populares. Ó mediodía, ás 12.00 programouse unha representación de Teatro sobre rodas e a continuación sucederanse os concertos: ás 13.00 e ás 16.00 horas o de Tambores da Lagoa, ás 14.30 o de Keepers ás 16.30 actuarán Broken Peach.

Na zona da área recreativa de Pedroso tamén haberá foodtrucks para a xente que queira quedar a comer na zona do festival.

A concelleira de Turismo destacou que o festival “é unha aposta de hai tres anos que cada ano está máis consolidado e xera unha expectación importante que leva a darlle continuidade”. Hermida agradeceu a participación de todas as persoas implicadas neste evento, en especial o esforzo da Asociación FurgoGalicia e convidou á cidadanía a achegarse a Pedroso esa fin de semana.

Pola súa banda, Ángel Sánchez e Martín Vázquez agradeceron a implicación do Concello e do Padroado da Cultura un ano máis neste festival sobre naturaleza, música, viaxes e literatura e animaron ás persoas interesadas a informarse sobre o festival e participar no mesmo, ben acampando na zona ou acudindo ós concertos e actividades programados para os tres días.

“Queremos que sexa un festival fiel ós inicios, popular e familiar, pero cunha carreira deportiva este ano para desfrutar tamén do deporte nese espazo natural”, apuntaron.

Finalmente a alcaldesa, Marián Ferreiro, destacou o «entorno privilexiado no que un ano máis se desenvolverá este evento, que a maiores dese completo e interesante programa ofrece a oportunidade de coñecer unha parte da riqueza natural e patrimonial da cidade»

Lea también

O Pazo da Cultura de Narón acolle o espectáculo “O dragón de ouro”

A compañía Sarabela Teatro representará este sábado 20 no Pazo da Cultura de Narón, ás …