O vindeiro luns ábrese o prazo de inscrición nos Campamentos de Verán, Narón

A alcaldesa de Narón e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, anunciou a apertura, o vindeiro luns día 6 e ata o 29 deste mes, do prazo de inscrición nos Campamentos de Verán organizados dende o Padroado.

En total ofértanse 150 prazas para menores de 3 a 12 anos e desenvolveranse do 4 de xullo ó 12 de agosto nas instalacións do Pazo da Cultura. As persoas interesadas en anotarse deben dirixirse ás oficinas do Pazo, de luns a venres, en horario de 9.30 a 13.30.

Unha das novidades deste ano, explicou Ferreiro, é que se levarán a cabo en quendas quincenais; do 4 de xullo ó 15 de xullo; do 18 ó 29 de xullo e do 1 ó 12 de agosto. Formaranse en cada unha delas grupos cun mínimo de sete persoas e un máximo de dez, de 3 a 5 anos, de 6 a 9 e de 10 a 12 anos. As actividades programadas serán en horario de mañá, de 9.00 a 14.00 horas, se ben tamén se ofrece servizo de madrugadores no propio Pazo dende as 8.00 ata as 9.00 horas.

Xogos tradicionais, propostas didácticas, sesións de baile tradicional e moderno, manualidades, actividades con instrumentos musicais, proxeccións de cine, excursións pola zona… son algunhas das iniciativas que se levarán a cabo durante as citadas quendas.

Os campamentos teñen un custe de 31,60 euros por dúas semanas que se corresponde coa taxa fixada na ordenanza fiscal vixente no Padroado da Cultura.

A esta proposta de conciliación da vida familiar e laboral súmanse as Colonias de Verán, organizadas tamén para menores de 3 a 12 anos e para as que xa rematou o prazo de inscrición. Nese caso o Concello ofertou 100 prazas para unha iniciativa que comezará o 27 de xuño e rematará o 2 de setembro, en cinco quendas semanais.

As actividades das Colonias de Verán desenvolveranse de 9.00 a 14.00 horas no CEIP da Gándara, ofrecéndose ás familias servizo de madrugadores a partir das 8.00 e de acompañamento ata a recollida de 14.00 a 15.00 horas.

Lea también

Narón conmemora o Día Internacional do Libro cun “Pequeno obradoiro literario”

Os nenos interesados en participar no Pequeno obradoiro literario organizado na Biblioteca municipal de Narón poderán …