O sorriso de Daniel e a raíña de Saba no Pórtico da Gloria

José Fonte Sardiña

A recomendación, no seu artigo semanal en “El Correo Gallego”, do profesor José Manuel García Iglesias ―o director e alma máter daquel equipo de Exposicións e Publicacións do Xacobeo ao que tiven o orgullo de pertencer e un dos principais “culpables” de que me interesase polos temas xacobeos― de visitar a mostra “Os sons da pedra. O ronsel do Mestre Mateo” ―presenta a reprodución dos instrumentos do Pórtico da Gloria, realizada seguindo os estudos dos profesores José López Calo e Carlos Villanueva a comezos dos anos noventa do pasado século e coa colaboración da Fundación Barrié e as Deputacións de Lugo e Ourense― levoume ao Salón Artesoado do Colexio de Fonseca, onde puiden ver de novo o marabilloso organistrum, que aparecía na “Guía do Museo da Catedral de Santiago”, con textos de Ramón Yzquierdo Peiró, que tiven a honra de traducir á nosa lingua.

A música que se escoita na sala, “nun ambiente íntimo, é a especial protagonista desta mostra. E os instrumentos locen, todos e cada un deles, fermosamente expostos, dando continuidade a esta lección, maxistral, de bo facer universitario, prolongando no tempo algo tan grandioso que merece, sen dúbida, ser recoñecido”, como ben di o profesor García Iglesias no seu artigo. Eses “sons da pedra” teñen que ser moi semellantes aos que esperaba escoitar Rosalía de Castro mentres contemplaba o Pórtico da Gloria: “Santos e apóstoles, ¡védeos!, parece / que os labios moven, que falan quedo / os uns cos outros, e aló na altura / do ceu a música vai dar comezo, / pois os gloriosos concertadores / tempran risoños os instrumentos” (Rosalía de Castro: ‘Na Catedral’, en “Follas Novas”, 1880, Madrid-La Habana, citados pola edición de 2001 de Xerais e La Voz de Galicia, que utilizou os textos fixados por Blanca-Ana Roig Rechou en 1990, p.66).

Ancianos cos instrumentos do Pórtico

É imposible, ao contemplar o Pórtico da Gloria, non pensar, como Rosalía de Castro, se “¿Estarán vivos?, ¿serán de pedra / aqués sembrantes tan verdadeiros, / aquelas túnicas marabillosas, / aqueles ollos de vida cheos?” (Ibidem).

Pedro, Pablo, Santiago e Xoán

A min conquistoume dun xeito especial a figura de Daniel. Parece claro que o sorriso cativador e algo retranqueiro que o Mestre Mateo ―representado ao pé da súa monumental obra como o Santo dos Croques― lle puxo ou fixo poñer a este profeta é debido ao episodio que o propio Daniel nos relatara no seu libro, no que conta a risada que botou cando lle demostrou ao rei Ciro o Persa que eran os sacerdotes e as súas familias os que comían e bebían as ofrendas que o pobo lle presentaba a Bel e non o ídolo, como todos pensaban.

Como Daniel só veneraba ao seu Deus, Ciro preguntoulle un día: ―Por que non adoras a Bel?
―Eu non adoro ídolos feitos pola man humana, senón ao Deus vivo, creador do Ceo e mais da Terra e señor de todo o vivente, respondeulle Daniel.
―Pensas que Bel non é un deus vivo? Non ves canto come e bebe cada día?, replicoulle Ciro.
―Non te enganes, rei, este Bel é barro por dentro e bronce por fóra e non comeu xamais, respondeu Daniel rindo [primeira referencia ao seu sorriso no relato].

Daniel, Bel e Ciro

Durante a noite, os sacerdotes entraron, como o facían decote, coas súas esposas e fillos, e comeron e beberon todo. Coa alba do día, o rei foi onda o templo acompañado polo profeta do sorriso.
―Daniel, están intactos os selos?, preguntoulle cando chegaron.
―Están, meu rei, respondeulle Daniel.

Abriron a porta e o rei botou unha ollada.
―Grande es, Bel, e non hai en ti engano ningún!, exclamou a berros.
Así e todo, Daniel riu [segunda referencia ao sorriso no relato], detivo ao rei para que non entrase e logo dixo:

―Mira ben o pavimento e comproba de quen son esas pegadas.
―Vexo pegadas de homes, mulleres e nenos, respondeu o rei, moi sorprendido.

Cheo de carraxe, Ciro fixo apresar os sacerdotes, coas súas mulleres e fillos, que admitiron o engano e lle mostraron a porta secreta pola que entraban a consumir o que había na mesa.

Así pois, o rei mandou matalos a todos e entregoulle a Daniel a imaxe de Bel, que a destruíu xuntamente co seu templo” (Tomado e traducido do “Libro de Daniel”, 14, 3- 22).

Profetas Pórtico

Así e todo, contan en Santiago de Compostela que unhas rimas populares que corrían no século XVIII pola cidade lle atribuían o sorriso de Daniel ao feito de que lle gustaba moito ter á súa vista a raíña de Saba que o Mestre Mateo lle colocara diante del nunha das columnas do Pórtico. Hai quen asegura, e moitos investigadores son os que o avalan, que un arcebispo do século XIX mandou rebaixar o tamaño dos seos da raíña, que mesmo se mostra ruborizada, para atenuar a súa voluptuosidade.

Daniel e a raíña de Saba

Sexa como for, o certo é que Daniel non deixou por iso de sorrir.

 

Lea también

Sete anos da presentación de “Los disfraces de la traición”, de Olga Rico

José Fonte Sardiña O día 10 de marzo de 2017, presentabamos na Casa da Cultura …