Acondicionamento do edificio para actividades deportivas da Gándara, Narón

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Obras, Pablo Mauriz, desprazáronse na tarde do luns, día 6 de xuño, á Gándara para comprobar o avance das obras de acondicionamento do edificio para fomento e apoio de actividades deportivas, ubicado na avenida do Mar.

Na visita estiveron acompañados por persoal da empresa, da dirección de obra e do Club de Remo Narón, que habitualmente utiliza estas instalacións para as escolas municipais. Ferreiro destacou que se trata “dunha intervención moi necesaria, que permitirá mellorar considerablemente estas instalacións con cargo a unha partida que ronda os 100.000 euros”.

A alcaldesa anunciou ademais que, segundo as actuais previsións, os traballos estarán rematados a finais deste verán.

O Concello recuperará esta edificación reservada para actividades deportivas co fin de conservala e realizar unha redistribución no interior que permita mellorar a calidade das actividades que alí se levan a cabo.

O edificio ten forma rectangular, de 15×10 metros e manterá os dous accesos, desprazando o principal para adaptalo ás necesidades da actual obra. Unha vez acondicionado, tal e como figura no proxecto, a superficie útil será de case 133 metros cadrados, nos que se habilitarán: sala de usos múltiples deportivos, oficina, hall, pasillo, vestiarios e vestiarios para homes, mulleres e adaptado.

“A cuberta xa se reformou, substituíndo as placas de fibrocemento por panel sándwich e tamén se revestirá a fachada con paneis de madeira e cemento, ó tempo que se renovará por completo a carpintería exterior”, explicou Ferreiro.

“Dende o Concello continuamos apostando por manter as instalacións deportivas nas mellores condicións posibles, para que as usuarias e usuarios poidan aproveitalas ó máximo”, subliñou a rexedora local.

Lea también

Charlas dirixidas a familias con menores matriculados nas escolas infantís de Narón

A edil de Ensino do Concello de Narón, Olga Ameneiro, informou que os días 22 …