Varias entidades solicitan á Xunta a declaración de zona ZER a casa de Carvalho Calero

Os representantes no edificio da Xunta pedido a declaración de zona ZER | BNG

Esta mañá representantes do Bloque Nacionalista Galego de Ferrol, a Fundaçom Artábria, a Asociación Ferrolterra Antiga, a Asociación Veciñal de Ferrol Vello, o Ateneo Ferrolán e a Sociedade Cultural Medulio rexistraron a solicitude para que o Instituto Galego da Vivenda e do Solo declare a casa natal de Carvalho Calero como Zona de Especial Necesidade de Rehabilitación o que permitiría acometer a súa rehabilitación.

Iván Rivas, portavoz municipal do BNG en Ferrol, sinalou durante este acto que a rehabilitación da casa natal de Carvalho Calero «é un tema fundamental para o futuro da nosa cidade, non só, desde o punto de vista da recuperación urbanística senón para poder contarmos con dotacións que son reclamandas polos veciños e veciñas de Ferrol.«

As asociacións impulsoras desta iniciativa solicitan da administración autonómica do PP a declaración de zona ZER do ámbito sobre o cal se terían que ter desenvolvido as obras de rehabilitación da casa de Carvalho Calero. Fan esta solicitude, igual que lla fixeron ao goberno local de Ferrol, en virtude da Lei 1/2019, do 22 abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, que contempla a posibilidade de que ou ben sexa o Concello, propietario destes inmobles, quen solicite a declaración de zona ZER ou ben que sexa o propio IGVS quen actúe de oficio para esta declaración.

Iván Rivas, portavoz do BNG, indicou que o conxunto de asociacións que «levamos meses reivindicando a execución do proxecto de rehabilitación da casa de Carvalho Calero damos este paso debido aos incumprimentos reiterados do goberno municipal, que, a día de hoxe, non ten feito nada a respecto da moción aprobada no pleno da corporación, hai máis dun mes, que acordou a declaración de zona ZER e o inicio do procedemento para tramitar a declaración de zona ZER diante do IGVS que é quen debe aprobalo.«

Cualificou a actitude do goberno local como «intolerable». «Incumpre esta moción, incumpre o acordo co BNG para a aprobación dos orzamentos municipais do ano 2021 que incluía este proxecto de rehabilitación, trasladou o diñeiro consignado para a rehabilitación da casa de Carvalho Calero para outros investimentos, faino de motu propio e sen consultar con ninguén e polo tanto obvia o compromiso adquirido co BNG e co resto de asociacións que están a demandar a rehabilitación da casa de Carvalho Calero.«

Lembou que fixeron propostas ao goberno local para a resolución deste problema «e non queren escoitalas». «Diante desta pasividade e desta actitude intolerábel tomamos hoxe a iniciativa para facer que este proxecto se efectivice, porque non imos parar até ver rehabilitada a casa de Carvalho Calero no barrio de Ferrol Vello, un investimento fundamental para o barrio, para a cidade e para o país.«

As entidades asinantes desta proposta agardan que por parte da Xunta de Galicia «se asuma o compromiso de desenvolver este proxecto«, igual que agardan que por parte do Partido Popular «se asuma a necesidade de rehabilitar estas vivendas e isto se faga efectivo o antes posíbel.«

Lea también

Formación en Ferrol en igualdad de género y prevención de violencias machistas

Se han cubierto más del 90% de las plazas. La concejalía de Igualdad y Mujer, …