Concello de Narón e Affinor organizan unha xornada de Tai-chi no parque de Freixeiro

Os edís de Deportes, José Oreona, e Benestar Social, Catalina García, presentaron este luns, día 13 de xuño, xunto con Elena López, presidenta da Asociación de Fibromialxia e Fatiga Crónica do Noroeste (Affinor), unha actividade de tai-chi que se levará a cabo este sábado, día 18 ás 11.00 horas no parque de Freixeiro.

A iniciativa enmárcase dentro do programa que conxuntamente se deseñou dende o Concello de Narón e Affinor para o primeiro semestre deste ano, tal e como recordou García.

Oreona explicou que é unha actividade de unha hora e media de duración dirixida a persoas diagnosticadas de fibromialxia e fatiga crónica, aínda que no caso de non cubrirse as quince prazas ofertadas poderá acudir calquera persoa maior de idade.

Aquelas interesadas en anotarse deben chamar ó número de teléfono 981 337 700 e facilitar o seu nome e un teléfono de contacto.

“Pretendemos fomentar un dos piares desta enfermidade que é a realización de exercicio físico adaptado e consideramos que é moi importante que dende o Concello se fomenten este tipo de hábitos no colectivo e tamén entre outras persoas”, asegurou López.

Os edís naroneses animaron á cidadanía a anotarse, de balde, nesta actividade, e amosaron a súa confianza en que teña unha boa acollida.

Lea también

Requerimento a Urbaser por incumprimento do contrato en Narón

O Concello de Narón realizou a pasada semana un requerimento á empresa concesionaria do servizo …