Este domingo andaina pola Ruta dos Muíños, Narón

As persoas que desexen asistir á terceira e última andaina desta tempada do programa municipal “Ponte en ruta con nós” do concello de Narón poden anotarse ata este martes, día 21 de xuño, incluído, tal e como indicou o concelleiro de Deportes, José Oreona.

O percorrido a realizar na convocatoria, do 26 de xuño será polos muíños da marxe do río Xuvia, con saída dende o mosteiro do Couto ás 9.30 horas cara á área recreativa de Pedroso. O prezo para poder asistir e de 5 euros, debendo cubrir as instancias nas oficinas do pavillón polideportivo da Gándara (estrada da Gándara, 148), en horario de mañá, de 8.30 a 13.00 horas.

Os muíños de As Aceas e Xuvia son dous dos reclamos desta particular ruta, que discurre por paisaxes de gran beleza natural que permiten desfrutar da contorna e na que os camiñantes tamén poderán ver outras construcións de gran valor histórico e cultural. Unha vez no punto de remate da ruta, en Pedroso, os participantes serán trasladados en autobús ata o mosteiro do Couto.

O Padroado de Deportes de Narón retomou este ano o tradicional programa de andainas, que está limitado a un máximo de 150 persoas. Oreona animou á veciñanza a anotarse nesta andaina e avanzou que “xa estamos traballando coa vista posta no último cuadrimestre do ano, para poder convocar unha nova edición deste programa que tan excelente acollida ten entre os nosas veciños”.

Lea también

Unha unidade de ADOS desplazarase a Narón a vindeira semana

Unha unidade móbil da Axencia para a Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) desprazarase o …