Apertura este xoves do prazo de inscrición nun curso de Peixería, Narón

O Concello de Narón abrirá este xoves, día 23 de xuño, o prazo de inscrición nunha acción formativa de Peixería, incluída no Programa Municipal de Formación.

Este curso diríxese a persoas empadroadas en Narón, maiores de 18 anos e desempregadas, tal e como recordou a concelleira responsable de Formación, Natalia Hermida. A edil naronesa explicou que en total hai 15 prazas dispoñibles que se cubrirán por orde de inscrición.

O curso ten un total de 400 horas formativas, cunha parte de prácticas profesionais non laborais, que se impartirán entre o 8 de xullo e o 9 de novembro deste ano no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara. Ademais, inclúe a maiores uns módulos adicionais de 15 horas.

Prevención de riscos laborais específicos, Hixiene alimentaria, Coñecemento e diferenciación de peixes e mariscos, Recepción, almacenaxe e conservación de peixes e mariscos, Tratamento e preparación do peixe e Atención ó público e adaptación ó posto de traballo son as materias que se impartirán nesta acción formativa. As clases en aula impartiranse de luns a venres, entre as 9.00 e as 14.00 horas, se ben as prácticas serán cinco horas ó día no horario que se determine.

As persoas interesadas en inscribirse poderán facelo ata o día 1 de xullo, ás 13.00 horas, a través do Rexistro Xeral do Concello, de luns a venres en horario de 8.30 a 13.00, da Sede Electrónica e tamén a través dos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015 do 1 de outubro do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

O modelo de inscrición estará disponible no Rexistro municipal, se ben tamén é posible descargalo a través da Sede Electrónica do Concello.

Para obter máis información sobre esta acción formativa pódese chamar ó número de teléfono 981 337 700 (extensións 1108 e 1109), estando dispoñible tamén na páxina web do Concello e na Sede Electrónica.

Hermida animou ós veciños interesados a inscribirse e agradeceu de antemán “a colaboración que un ano máis nos brindan as empresas para que o alumnado poida desenvolver a parte práctica das accións formativas, complementando a formación recibida nas aulas”.

Lea también

Narón acomete melloras no firme de varios parques infantís

A alcaldesa da cidade de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Obras e Urbanismo, …