Festa de exaltación da ameixa na parroquia de San Mateo, Narón

O concelleiro de Promoción Económica do Concello de Narón, David Pita, e o secretario da Asociación Veciñal de San Mateo, José Manuel López, presentaron a Festa da exaltación da ameixa que se celebrará o 31 de xullo na citada parroquia.

A cita gastronómica, na que se cociñarán uns 200 quilos de ameixa babosa, tal e como indicou Pita, comezará ás 13.00 horas baixo un toldo con mesas e cadeiras que se instalará na pista polideportiva de San Mateo.

As persoas interesadas en asistir poderán comprar os tickets o mesmo día da degustación, nun espazo habilitado na zona para tal fin, a un prezo de 12 euros para o menú de ameixas, bebida e pan ou de seis euros para degustar paella, con bebida e pan incluído. A maiores, haberá a opción do menú completo, a base de ameixas, paella, bebida e pan, por 17 euros e por dous euros máis poderase tomar café e bola doce.

Xa pola mañá, dende as 11.30 horas haberá nas instalacións da antiga unitaria de San Mateo unha exposición de traballos realizados durante o curso por veciños da parroquia e tamén exposicións artesás de coiro, mimbre, alfarería… A programación da xornada completarase con música en vivo e inchables de balde para os nenos.

O Concello organiza esta convocatoria, en colaboración coa Asociación Veciñal de San Mateo. Pita e López animaron ós veciños de Narón e comarca a acudir a esta festa, que se recupera este ano para poñer en valor os produtos de proximidade e tamén a cultura local.

Lea también

A REGAPS da Área Sanitaria de Ferrol organiza un ciclo adicado á Fibromialxia no centro de saúde de Narón

A Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS) e a Subdirección de Humanización, Calidade e …