Andaina cara á batalla de Cacheiras, unha cita coa nosa historia

José Fonte Sardiña
Conta Vicente Risco ―en castelán, e eu traduzo á nosa lingua― que en Santiago de Compostela “xurdiu un grupo de literatos románticos, que abre a chamada Era dos Precursores. Antolín Faraldo, Romero Ortiz, Neira de Mosquera, Ramón de la Sagra, etc., lanzan á rúa, entre 1840 e 1846, diversos xornais e revistas […] nos que se estudaban a historia e as antigüidades de Galicia, se propagaban o liberalismo e o romanticismo e comezaba a aparecer o sentimento rexional […], continuado despois [no Rexurdimento] por Añón, Vicetto, Murguía, Pondal e outros, todos eles de formación romántica. Antolín Faraldo foi o primeiro que levou a idea rexional á política” (tomado e traducido de Vicente Risco: “Manual de Historia de Galicia”, primeira edición Vigo,
1952, citado pola terceira de 1976, p. 237) (Busto de Antolín Faraldo en Betanzos).

“En 1846, gobernaba Istúriz cos moderados; o sistema tributario de Mon causaba desgusto en Galicia […]. O 1 de abril, o II Batallón do Rexemento de Zamora pronunciouse en Lugo, poñéndose á súa fronte o comandante do Estado Maior don Miguel Solís y Cuetos, ao berro de: Viva a liberdade, viva a raíña libre e constitucional e abaixo a camarilla do ditador Narváez e o sistema tributario” (Idem, p. 238)  (Ilustración de Elsa Bouzas López).

“As tropas do Goberno mostráronse pouco combativas e Villalonga, impotente para dominar os sublevados, pediu reforzos a Madrid, de onde lle enviaron ao xeneral Concha […]. Solís, confiado na chegada de Rubín, esperouno en Cacheiras e presentoulle batalla o día 24. Rubín non chegou e Concha arrasou a Solís e perseguiuno ata Santiago. Os rebeldes defendéronse con valentía” (Idem, p. 239 e 240) (Ilustración de Elsa Bouzas López).

“Solís non quixo fuxir e entregouse con 54 xefes e oficiais que, levados a Carral, foron xulgados por un tribunal militar que condenou a morte a Solís, Velasco, Dabán, Mariné, Ferrer e outros sete, que foron fusilados o día 26, no cemiterio de Paleo. Faraldo, Romero Ortiz, Añón e outros revolucionarios civís tiveron que expatriarse” (Idem, p. 240) (Ilustración de Elsa Bouzas López).

Otero Pedrayo tamén se refire á importancia deste episodio para a “curta revolución galega de 1846. Desde o primeiro instante, ben se viu que non era un pronunciamento máis. As descargas dos fusilamentos de Carral, ademais de matar en flor a vida dun puñado de heroes cabaleirescos, tronzaron por un tempo indefinido as posibilidades dunha reivindicación galega. Así e todo, o sacrificio non foi estéril: quedou unha conmoción xusticeira e a voz de Antolín Faraldo, voz civil e galega, aínda soa hoxe como un imperativo de conciencia que cumprir” (tomado e traducido de Ramón Otero Pedrayo. “Ensayo Histórico sobre la Cultura Galega”, primeira edición Santiago de Compostela, 1933, citado pola de La Voz de Galicia, A Coruña, 2004, p. 199) (Ilustración de Elsa Bouzas López).

Aínda que o Concello de Teo realiza este verán unhas “visitas teatralizadas” polo Grupo Os Quinquilláns pola Ruta Oficial da Batalla de Cacheiras, que vai desde Bamonde ata Montouto, a miña particular camiñada comeza no petróglifo que se atopou nos Tilos, na rúa do Loureiro. Abraiado, escoito cos meus ollos, como dicía Quevedo, o calado falar destas pedras ancestrais, aínda que non consigo descifrar as súas enigmáticas mensaxes.
O lendario Pico Sacro, que me acompañará ao longo de boa parte da miña andaina, vixía impoñente desde lonxe e éncheme de paz.

Desde as rúas do Ameneiro e do Buxo continúo o meu camiño cara a Covas de Arriba por unha longa e moi empinada costa, entre carballos, castiñeiros, piñeiros e eucaliptos, e xa alí podo ver, aínda un pouco lonxe, no alto do monte, o espazo da batalla ao que me dirixo. Tomo a vía da esquerda e conduzo os meus pasos ata o lugar de Fonte das Seixas, entre Montouto e Penelas, onde se atopa o cemiterio municipal de Teo e se poden divisar as máis fermosas vistas do Pico Sacro que eu contemplei na miña vida. É ben sabido que en Teo, onde vivo desde que casei hai xa trinta anos, o Pico Sacro se pode ver desde todas as súas trece parroquias.

Pasado o cemiterio municipal, está ben pretiño o camiño que teño que tomar á dereita cara a unhas pistas forestais. Un novo desvío á dereita lévame por unha longa e empinada congostra pola que deberon subir naquel abril de 1846 os carros dos canóns do combativo exército de Solís. A chorima, “tan amarela no monte”, en primavera, “ergueita, brava e ceibe, como os galegos de raza”, segundo a canción do Grupo Saraibas, xa murchou, talvez como unha metáfora da derrota; así e todo, o ano que vén agromará novamente, consonte aconteceu en Galicia co Rexurdimento.

O cume de Montouto, onde un monólito e unha imaxe en bronce dun soldado lembra aquela heroica batalla, mostra no Nacente o Pico Sacro, no Mediodía a parroquia de Cacheiras e o Pico da Grela, teito do Concello de Teo, e no Setentrión a cidade de Santiago de Compostela; unha atalaia perfecta para que o comandante Solís vise chegar as tropas do xeneral Gutiérrez de la Concha.

A Pena Escorredía, chamada así por que por ela escorregaban, e aínda o seguen a facer, as xentes de Cacheiras, é considerada por algúns investigadores como Martín Almagro Gorbea un lugar onde se practicaban desde a prehistoria antigos rituais de fertilidade.

Baixo pola aba Norte do cumio de Montouto e camiño cara a Covas de Abaixo, coa compañía de carballeiras, soutos e un cantareiro regato que corre entre verdes fieitos e me lembra o tan querido Eume, sinécdoque para min de todos os ríos e tamén da miña vila, Pontedeume.

Os hórreos de Covas de Abaixo, uns ben enxebres e outros máis requintados, falan dun concello labrego, no que este ano, polo que deixan ver as vides, as leiras nas que medra o millo ―na miña terra eumesa preferimos chamalo maínzo― preto da Tenencia de Covas e as flores dos castiñeiros, semella que as colleitas serán abondosas e que non faltarán a uva na vendima nin as castañas para os magostos en outono.

Por un fermoso, frondoso e case máxico bosque situado a carón do colexio dos Tilos, regreso a casa algo cansado pero moi satisfeito.

Lea también

Las cuentas del concello

Enrique Barrera Beitia El pasado lunes el pleno municipal ferrolano aprobó el presupuesto para 2024. …