Este sábado en Narón celébrase o “22º Oenach Atlántico de Sedes”

A alcaldesa da cidade de Narón, Marián Ferreiro, presentou este martes, día 26 de xullo, xunto cos edís de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo e Turismo, Natalia Hermida, e representantes da AVV Rosa dos Ventos e da Grande Compañía de Teatro Comunitario de Sedes o “22º Oenach Atlántico” de Sedes, que se celebrará este sábado día 30 na citada parroquia.

A cita festiva, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, aposta un ano máis por recuperar a vida comunitaria nos castros e contempla un variado programa de actividades pensadas para persoas de todas as idades, tal e como indicou Ferreiro.

A programación comezará ás 11.00 horas, coa recreación do Oenach e da vida comunitaria da época nun castro, na que os visitantes poderán ver o traballo que realizan artesáns cesteiros, teceláns, ferreiros, tallistas… e tamén a esa hora, e ata as 14.00, desenvolverase a festa do xogo popular e tradicional, cunha gran variedade de xogos na que poder participar.

A campa do Trece, coas pallozas e un amplo espazo verde, acollerá de novo esta cita tras dous anos de pandemia. A música terá tamén un gran protagonismo nesta edición, donde actuará o recoñecido gaiteiro galego Xosé Manuel Budiño, que interpretará en Sedes un adianto de temas do seu novo disco.

Pola tarde a partir das 16.00 horas, e ata as 19.00 regresará a actividade á campa do Trece, donde se continuará recreando a vida nos castros cos artesáns e tamén seguirán os xogos populares. O teatro e a música tamén estarán presentes pola tarde, coa actuación de Rilo e Penadique ás 17.00 horas, para presentar a obra “Asdomare”, un espectáculo para público familiar que crearon na etapa do confinamento e que fala das mulleres do mar.

Finalmente, ás 22.30 horas terá lugar no Castro de Eiravedra a tradicional “Noite do Castro”, coa representación da obra “O paxaro de Eiravedra”, dirixida por Laura Aneiros e a cargo da Grande Compañía de Teatro Comunitario de Sedes, da que forma parte a directora desta peza.

Fina Castro, integrante da Grande Compañía de Teatro Comunitario de Sedes avanzou que na zona da carpa cociñarase carne ó caldeiro, bolas de sartén, bolos preñados… que poderán degustar os visitantes. “Esperamos que sexa un bo ano, que veña a xente e creo que estaremos todos moi contentos”, asegurou.

A alcaldesa da cidade destacou “o traballo realizado un ano máis polos veciños de Sedes, para colaborar co Padroado da Cultura en manter viva un ano máis esta festividade, unha das máis representativas da nosa cidade e na que queremos amosar parte da nosa cultura nun entorno único para levar a cabo este evento festivo”.

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …