Narón urxe á Xunta e Deputación o mantemento de viais e beirarrúas da súa titularidade

O goberno local de Narón reiterará á Xunta de Galicia e á Deputación da Coruña, a urxencia en facerse cargo do mantemento de viais e beirarrúas da súa titularidade no termo municipal naronés.

O concelleiro de Servizos, Ibán Santalla, subliñou que “o estado que presentan algúns viais e beirarrúas das administracións autonómica e provincial é lamentable e, o que é peor, representa un risco para a salubridade e incluso para a seguridade cidadá en numerosos casos”.

Santalla explicou que “a maleza invade tramos completos de beirarrúas e cubre tapas de rexistro en estradas como a de Cedeira e O Val, en ambos casos propiedade da Xunta de Galicia e nas que tamén se localizan desperfectos nas losetas”. O edil naronés incidiu en que “a situación na que se atopan non é un feito puntual, senón resultado de anos de falta de mantemento debido á desidia das administracións autonómica e provincial, que non se fan cargo destas competencias que lles son propias”.

A maiores das estradas de Cedeira e do Val, a situación repítese en estradas que son titularidade da Deputación da Coruña, como a avenida Souto Vizoso ou a Concepción Arenal. “Ademais da maleza que tamén invade algunhas beirarrúas, hai tramos completos das mesmas totalmente desfeitos, como na avenida Souto Vizoso e multiplícanse as losetas levantadas tanto neste vial como na Concepción Arenal”.

Así mesmo, Santalla indicou que outro dos problemas que se rexistran na actualidade debido á desidia das administracións supramunicipais é o da rotonda de Freixeiro. “A maleza invade totalmente a glorieta, dificultando a visibilidade nun espazo cunha gran afluencia de vehículos ó longo do día, co que iso supón de cara á seguridade viaria”, recalcou.

O concelleiro de Servizos asegurou que “dende o goberno local realizamos un importante esforzo para tratar de manter os viais e beirarrúas no mellor estado posible, solventando as posibles incidencias das que temos coñecemento á maior brevidade, como deberían facer tanto a Xunta como a Deputación, que desatenden as súas competencias neste eido”.

Ante a actual situación Santalla avanzou que a Policía Local traballa xa nun novo informe que se remitirá a ambas administracións para reiterar a urxencia da limpeza da maleza e a reparación de losetas naquelas vías da súa titularidade. “O que non pode ser é que outras administracións como os concellos teñamos que actuar e realizar algunhas reparacións cando non é un tema da nosa competencia”, indicou.

Lea también

Narón acomete melloras no firme de varios parques infantís

A alcaldesa da cidade de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Obras e Urbanismo, …