O Speis de Narón retirou no que vai de ano uns 130 niños de velutinas

Os profesionais do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (Speis) de Narón realizaron no que vai de ano un total de 128 servizos vencellados á retirada de niños de vespa velutina no termo municipal

Así o indicou o concelleiro responsable do Speis, Román Romero, que explicou que esas intervencións se corresponderon con inspeccións realizadas (68), extracción de niños con neutralización (49), exames (9) e cremación de niños in situ (2).

A tempada de primaveira e verán é a de maior actividade, se ben as condicións meteorolóxicas condicionan moito a proliferación dos niños de velutina. En canto á ubicación dos mesmos, o edil naronés especificou que “se retiran tanto na zona urbana como rural naqueles casos nos que se considera a urxencia pola perigosidade, por exemplo se están nun colexio ou nunha zona de moita afluencia de persoas”.

Os profesionais do Speis coordínanse co servizo de Tragsa para a retirada deses niños, xa que o Concello de Narón ten un convenio asinado coa citada empresa para a retirada. Polo tanto, o procedemento habitual a seguir para calquera persoa que detecte un niño de vespa velutina é alertar ao servizo do 012, dende onde se comezarán a realizar os trámites oportunos para proceder á retirada do niño.

“O número de actuacións realizadas no que vai de ano, a falta de cinco meses para que remate, está moi preto de alcanzar o total de intervencións sobre vespa velutina rexistradas no ano 2021, que foron un total de 176” indicou Romero.

Dende o Speis de Narón impúlsanse ademais ó longo do ano labores preventivas, difundindo campañas como por exemplo a do trampeo, co fin de evitar a proliferación dos niños, e da que Romero agradeceu a participación e implicación da cidadanía.

Lea también

Charlas dirixidas a familias con menores matriculados nas escolas infantís de Narón

A edil de Ensino do Concello de Narón, Olga Ameneiro, informou que os días 22 …