Emiliano Balás Silva, un personaxe ferrolán entre dous séculos

O Foro de Amigos de Ferrol (F.A.F.) continúa os seus traballos sobre a Historia Grande e Pequena de Ferrol.

Ferrol foi lugar de nacemento de variados personaxes. Foi o caso de políticos, José Canalejas, irmáns Franco e Pablo Iglesias; ilustrados, Lucas Labrada e Alonso López; pintores, Pérez Villaamil e Álvarez de Sotomayor; penalistas, Concepción Arenal; literatos, Torrente Ballester e Carballo Calero. Nesta ampla nómina hai personaxes pouco coñecidos, que non tiveron o debido recoñecemento posterior: é o caso de Emiliano Balás Silva, médico, escritor e pintor.

Os setenta e cinco anos de vida de Emiliano Balás transcorreron entre os séculos XIX y XX, vivindo en Ferrol, con estancias en Santiago y Sevilla, e viaxes a Madrid. Cando naceu, Ferrol tiña 3.500 veciños, algo máis de 16.000 habitantes de feito. Dentro dunha intensa actividade económica e social, aínda que cunha deficiente situación educativa na cidade, as entidades culturais e recreativas comezaban a súa andaina. O ano 1879 fundouse o Ateneo Ferrolán, en 1881 a Escola de Artes e Oficios, en 1892 inaugurouse o Teatro Jofre, en 1911 fundouse o Centro Obrero de Cultura, en 1916 comezou a súa actividade o Real Coro Toxos e Froles, e en 1925 inaugurouse o novo Casino Ferrolano.

A vida e obra de Emiliano Balás Silva

Emiliano Balás. Arquivo familiar

Neste contexto, Emiliano Balás exerceu en Ferrol unha intensa actividade. Home de sinxelas costumes, definido como un espírito inquedo e rebelde ante as convencións sociais, relacionouse cunha xeración de variados intelectuais: Santiago e Alfredo de la Iglesia, Comellas Coimbra, Nicolás Fort, Luís Mesia, Andrés Comerma, Pérez de Castro, Wenceslao Veiga, Leandro e Manuel de Saralegui, Cayetano Vaello, José de Pato, Cabo Pastor e Rodrigo Sanz, entre outros.

Emiliano Balás Silva naceu o 25 de maio de 1859 na rúa da Mercede no barrio de Ferrol Vello. De orixe francesa por vía paterna, foi fillo único de Juan Manuel Balás, mestre de víveres da urca “Santa Cecilia”, e de Juana María Silva. De boa posición económica e coa carreira de Medicina rematada en Santiago aos vinte e un anos, exerceu en Ferrol unha grande actividade en entidades profesionais e asociacións culturais.

Tras cursar a carreira de Medicina, levou a cabo os estudos de Belas Artes na Academia de Sevilla. De novo en Ferrol, no eido cultural presidiu o Ateneo Ferrolán o ano 1907, foi colaborador e Socio de Honra o ano 1917  do Real Coro Toxos e Froles, impulsor das Irmandades da Fala, e conferenciante e colaborador do Centro Obrero de Cultura.

Ademais de ser un recoñecido pintor, no eido literario cultivou a poesía, o teatro e o ensaio, alternando o uso das linguas galega e castelá. Casado en Ferrol con Josefa Loureiro Maceiras, tivo dous fillos, José, enxeñeiro industrial e Juan, escultor e pintor. Faleceu na véspera de San Xoán do ano 1934 na súa casa da rúa Alonso López, sendo enterrado no cemiterio de Canido.

Emiliano Balás cos seus fillos. Arquivo familia

Persoa moi culta e afeccionada á lectura, tivo unha ampla biblioteca onde alternaban clásicos franceses, ilustrados do século XVIII e libros de viaxes, ademais dunha selección de autores galegos. Foi membro correspondente da Real Academia Galega da Lingua e da Academia de Bellas Artes de Madrid, concelleiro do Axuntamento ferrolán, Presidente da Cámara Oficial da Propiedade, fundador do grupo “Scouts” de Ferrol, vocal do Colexio Médico, membro da Liga de Contribuyentes, presidente local do Partido Liberal e fundador do xornal “El Faro de Ferrol”.

Lea también

San Rosendo en Caaveiro

José Fonte Sardiña En pleno corazón das Fragas do Eume, na súa marxe dereita, contra …