Licitación dun sistema informatizado para xestión do inventario de vías e espazos públicos, Narón

O Concello de Narón ten en proceso de licitación os traballos correspondentes ó desenvolvemento e implantación dun sistema informatizado para a xestión do inventario de vías e espazos públicos.

A alcaldesa, Marián Ferreiro, apuntou que o importe da licitación é de 58.000 euros e recordou que se trata dunha actuación cofinanciable nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do programa operativo plurirrexional de España Feder 2014-2020, dentro da Estratexia de desenvolvemento urbano sostible e integrado (EDUSI) “Ría de Ferrol, Cidade 2020”.

As empresas interesadas en presentar ofertas poden facelo ata o 19 deste mes ás 15.00 horas, dispoñendo de toda a información na Plataforma de Contratación do Sector Público. “A través deste sistema o Concello disporá dunha completa base de datos de vías e espazos públicos de titularidade municipal, o que facilitará o acceso a información completa e actualizada sobre ubicación, xeometría e outros elementos que permitan comprobar, revisar e actualizar a información dispoñible e contar cunha aplicación que faga posible a xestión totalmente informatizada do contido a efectos de conservación e uso desa información, tal e como figura no proxecto”, apuntou Ferreiro.

A actuación permitirá ofrecer datos integrais sobre as infraestruturas viarias do termo municipal e servirá como soporte de futuros proxectos que se poidan levar a cabo na cidade. O inventario recollerá, a modo de catálogo, todas as vías e espazos públicos de titularidade municipal, urbanos e rurais, detallando o nome da vía, ubicación, lindes, superficie, lonxitude, servizos dispoñibles, referencia catastral… entre outros datos de interese.

O prazo para realizar estes traballos, que se acometerán en varias fases, é dun ano, contado a partir do día seguinte á formalización do contrato ou o que resulte da oferta formulada, de ser o caso. A alcaldesa destacou “a importancia de que o Concello poida contar cun sistema destas características, que facilitará o traballo tanto a nivel municipal como a particulares e que será moi útil de cara a futuras actuacións que se plantexen tanto no núcleo urbano como no rural”.

Lea también

Charlas dirixidas a familias con menores matriculados nas escolas infantís de Narón

A edil de Ensino do Concello de Narón, Olga Ameneiro, informou que os días 22 …