Obradoiros en Narón sobre manexo de móbil intelixente

A concelleira de Benestar Social, Catalina García, presentou este venres, día 9 de setembro, os obradoiros de iniciación de manexo de móbil intelixente organizados polo Concello de Narón destinados a persoas maiores de 60 anos empadroadas na cidade.

A edil explicou que se trata dunha proposta que se leva a cabo nos centros cívicos sociais e/ou locais sociais da zona urbana e rural da cidade, ó estar programados un en cada barrio ou parroquia do termo municipal.

García indicou que hai un máximo de doce prazas para cada un destes obradoiros, que se impartirán ata novembro deste ano durante un total de 20 horas, dúas por sesión. A convocatoria é de balde e as persoas interesadas en anotarse poden facelo nos centros cívicos sociais ata esgotar as prazas. “Un dos obxectivos destes obradoiros, o principal, é romper o illamento tecnolóxico ó que en ocasións se ven sometidas as persoas maiores, facilitándolles unha actividade que lles permita achegarse ás novas tecnoloxías e manexarse cos seus teléfonos móbiles”.

Como utilizar o smartphone, iconas da pantalla, realizar e recibir chamadas, escribir mensaxes de texto, facer fotos e vídeos, conectarse a internet, descargar e instalar apps e aplicacións recomendadas para maiores forman parte, entre outros, dos contidos que se abordarán nestes obradoiros. A concelleira naronesa animou ós veciños de Narón maiores de 60 anos a anotarse nesta convocatoria “para poñerse ó día nas novas tecnoloxías e sacar o máximo rendemento aos seus móbiles”.

Lea también

Charlas dirixidas a familias con menores matriculados nas escolas infantís de Narón

A edil de Ensino do Concello de Narón, Olga Ameneiro, informou que os días 22 …