O parque de Freixeiro, Narón, acolle este sábado a Festa do Apego

O parque de Freixeiro acollerá este sábado, día 17, a festa do Apego, organizada polo Concello de Narón, Servizo de Normalización Lingüística,  a través do proxecto Apego.

A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, presentou a programación que se desenvolverá ó longo da xornada, na que haberá “música e propostas de narración oral”, tal e como avanzou. A festa, de balde, está recomendada para nenos de 0 a 6 anos e as súas familias e para asistir non é precisa inscrición previa.

Na zona donde se desenvolverá o evento colocaranse cadeiras por se algunha persoa non se pode sentar no chan, aínda que dende a organización se anima ós asistentes a levar mantas para poder sentarse na herba. En caso de choiva o evento trasladarase ó Auditorio municipal, comunicándose con antelación os posibles cambios a través do Facebook do Concello de Narón.

O programa comezará ás 18.00 horas, segundo indicou Taibo, cunha proposta de Xarope Tulú, “Roupa tendida”. Trátase dun espectáculo de narración oral que afonda na literatura de tradición oral. En definitiva, apuntou a edil naronesa, “é un espectáculo no que se conta o pasado, os contos de antes coa visión de antes para a partir de aí construír o futuro”.

A continuación, ás 19.00 horas, dará comezo “O soño de golfiños”, de Golfiños, un espectáculo no que un grupo de golfiños viaxarán por un mar de músicas cun repertorio moi avanzado, lembrando as súas cantigas de sempre cunha guitarra, un teclado e a voz de Elena Paz sobre o escenario.

O público poderá bailar, xogar, cantar, rir e, en definitiva, gozar do concerto ó tempo que soñan os golfiños. A edil naronesa animou ós veciños a acudir a este evento, “impulsado no marco dun programa que ten moi boa acollida e co que se aposta por fomentar a socialización en galego dos nenos”, recalcou.

Lea también

A Biblioteca de Narón e a Axencia de Lectura da Gándara retoman “Trocolibro”

A Biblioteca de Narón e a Axencia de Lectura da Gándara retoman dende este luns …