O Concello de Narón impulsa unha campaña dirixida á hostalería

O Concello de Narón organiza unha nova campaña dirixida ó sector hostaleiro local co fin, entre outros, de coñecer a opinión da cidadanía sobre o sector.

O edil responsable da área de Promoción Económica, David Pita, presentou este xoves, día 15 de setembro a iniciativa, na que poderán participar, tal e como indicou, un máximo de 50 establecementos de hostalería da cidade.

“Terán que anotarse dende mañá ata o 25 deste mes a través do correo electrónico me.mendez@naron.es, indicando o nome da persoa responsable, o do establecemento e un teléfono de contacto”, avanzou.

Os veciños que acudan ós locais participantes poderán cubrir unha enquisa sobre as tapas e racións que ofrecen, os produtos que destacarían, a implantación das terrazas, a formación do sector, os produtos locais e o Club Narón Gastronómico.

Esa enquisa estará dispoñible nos propios establecementos, donde tamén haberá unha urna donde depositalas cos datos de contacto. “A campaña desenvolverase do 1 ó 31 de outubro e ó remate da mesma, en novembro, todas as persoas que participen, poderase cubrir unha enquisa por persoa e establecemento, entrarán no sorteo dunha cesta delicatesen con produtos galegos”, avanzou Pita.

O edil indicou que se sorteará unha cesta en cada un dos locais participantes. “A través desa enquisa realizaremos un estudo para coñecer máis en profundidade a situación do sector e a visión que del teñen os veciños de Narón ou doutros concellos que participen”, apuntou.

O edil de Promoción Económica animou á cidadanía a participar e destacou que se trata dunha campaña “que nos permitirá definir iniciativas futuras para mellorar, no caso de ser preciso, algúns aspectos relacionados co sector”

Lea también

Charlas dirixidas a familias con menores matriculados nas escolas infantís de Narón

A edil de Ensino do Concello de Narón, Olga Ameneiro, informou que os días 22 …