Ferreiro visita ós participantes na Liga nacional de graffiti, Narón

A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Mocidade, Pablo Mauriz, desprazáronse este venres, día 16 de setembre ó paseo marítimo de Xuvia, á zona do túnel do Camiño Inglés, nas inmediacións da empresa Megasa, para saudar ós participantes na Liga nacional de graffiti que esta fin de semana se celebra na cidade de Narón.

Ferreiro e Mauriz acompañaron durante o inicio da actividade ós artistas, procedentes de diferentes localidades do país. O Concello organiza a convocatoria en colaboración coa Liga Nacional de Graffiti.

A alcaldesa deulles a benvida á cidade e conversou cos graffiteiros que dende as 10.30 horas estaban xa marcando e comezando os traballos que realizarán ó longo do citado venres, este sábado 16, e o domingo 17 pola mañá, ata as 12.00 horas.

Nauni69, Rudiart, Hide2, Sea162, Nexgraff, Jacobo Palos, Elrond, Decima PNS, Konestilo e Danklabara son dez dos mellores artistas nacionais que competirán polo primeiro premio desta convocatoria, que se celebra por vez primeira na cidade.

Os graffiteiros continuarán traballando, con animación musical, o sábado dende as 10.00 ata as 21.00 horas aproximadamente, e deberán ter rematados os seus deseños o domingo ás 12.00 horas.

A continuación publicaranse nas redes sociais da Liga nacional de graffiti os resultados finais das obras e valoraranse tanto a través das redes como dun xurado especializado para conceder os premios ao primeiro, segundo e terceiro finalista.

Tamén se sortearán varios agasallos entre os participantes, tal e como indicaron dende a organización. No túnel do Camiño Inglés quedarán plasmadas obras de temática vencellada co Camiño Inglés e realizadas por graffiteiros procedentes de Alicante, Murcia, Málaga, La Palma, Valencia, Xerez, Huelva, Almería, Donosti e Madrid.

A todos eles Ferreiro agradeceu a súa implicación, así como a aposta da Liga nacional de graffiti por traer á cidade “a algúns dos mellores graffiteiros a nivel nacional”. A convocatoria retransmitirase vía streaming podendo consultarse toda a información do evento na web da Liga Nacional de Graffiti liganacionaldegraffiti.com, nas contas de Instagram @liganacionaldegraffiti e Facebook ,Liga Nacional de Graffiti. O acto de entrega de premios será o domingo ás 14.00 horas no propio túnel do Camiño Inglés en Xuvia

Lea también

A REGAPS da Área Sanitaria de Ferrol organiza un ciclo adicado á Fibromialxia no centro de saúde de Narón

A Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS) e a Subdirección de Humanización, Calidade e …