Ferreiro participa no acto de entrega de premios da Liga nacional de graffiti, Narón

A alcaldesa da cidade de Narón, Marián Ferreiro e o edil de Mocidade, Pablo Mauriz participaron o domingo, día 18 de setembro ó mediodía no acto de entrega de premios da Liga nacional de graffiti organizada polo Concello.

Ferreiro destacou a calidade de todos os traballos realizados dende o pasado venres no túnel do Camiño Inglés, no paseo de Xuvia, e agradeceu a implicación dos dez graffiteiros que participaron e da Liga nacional de graffiti. Ás 12.00 horas os artistas remataron os seus traballos, que foron valorados a través das redes sociais da Liga nacional de graffiti e tamén por xuíces expertos en graffiti.

O primeiro premio foi para o graffiteiro Nauni69, o segundo para Elrond e o terceiro para Decima PNS, sendo Marián Ferreiro e Pablo Mauriz os encargados de entregar os respectivos premios antes de que os galardoados regresasen de novo ás súas localidades de orixe.

A rexedora local e o edil de Mocidade visitaron tamén onte a zona para ver os avances dos traballos que realizaban os graffiteiros, que tamén puideron ver todas aquelas persoas que transitaron esta fin de semana pola zona, entre eles peregrinos que realizaban o Camiño Inglés cara a Compostela. Precisamente o Camiño Inglés foi a temática predominante nos deseños dos graffiteiros para esta zona da cidade, que loce dende hoxe con gran colorido e un destacado cambio de imaxe.

A convocatoria incluíu unhas sesións para nenas e nenos nas que recibiron información de como se realiza un graffiti e nas que tamén tiveron a oportunidade de colorear un deseño con sprays de diferentes cores, para poñer en práctica as explicacións que ían recibindo previamente sobre o proceso de creación destes deseños.

Nauni69, Rudiart, Hide2, Sea162, Nexgraff, Jacobo Palos, Elrond, Decima PNS, Konestilo e Danklabaran, dez dos mellores graffiteiros nacionais, chegaron o pasado venres á cidade procedentes de Alacante, Murcia, Málaga, La Palma, Valencia, Xerez, Huelva, Almería, Donosti e Madrid para participar nesta convocatoria, despois dunha selección previa por outros traballos realizados e na que participaron outros recoñecidos graffiteiros.

“No túnel do Camiño Inglés quedará plasmado o traballo destes dez graffiteiros, con obras moi diferentes entre elas pero todas realizadas cunha gran profesionalidade”, destacou a alcaldesa, que felicitou novamente tralo acto da entrega de premios a todos os participantes nesta convocatoria, que se realizaba por primeiro ano na cidade

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …