Remate da exposición Cantámola, tras o seu paso polo Concello de Cabanas e o CEIP Eladia Mariño

Logo do seu paso polo Concello de Cabanas, onde se celebrou a inauguración o  luns, día 19 de setembro, a exposición “Cantámola” trasladouse entre o mércores 23 e o venres 25 desta semana ás instalacións do CEIP Eladia Mariño, onde o equipo docente organizou visitas e diferentes actividades arredor da exposición e a unidade didáctica que a acompaña.

Nestas actividade traballáronse os aspectos destacados dos diferentes referentes da infancia e da mocidade, e a súa relación cos valores das linguas. Neste contexto, fíxose especial incidencia no fenómeno emerxente de creación musical en lingua galega como impulso do prestixio do galego.

“Hoxe en día o panorama musical galego ofrécenos alternativas para todos os gustos, desde a fusión das Tanxugueiras ó rap de autores como GutiGZ, pasando pola experimentación electrónica, o pop-rock ou a música tradicional”, sinalou a concelleira de normalización lingüística de Cabanas, Paula González, quen tamén destacou o bo momento que está a vivir a música infantil en galego “que destaca pola súa calidade e variedade, con artistas e grupos como María Fumaça, A Gramola Gominola, Paco Nogueira ou Uxía Lambona e a Banda Molona”.

A exposición “Cantámola” está formada por 14 paneis que afondan na creación musical de Galiza e en galego, e o seu percorrido pola nosa comarca está coordinado polo Servizo de Normalización Lingüística que comparten os concellos de Cabanas, Valdoviño, Ares, Mugardos e Neda. Tras visitar Cabanas, a mostra percorrerá os outros catro concellos durante as próximas semanas.

O acto inaugural tivo lugar o pasado luns no Concello de Cabanas e nel participaron representantes dos cinco concellos, ademais da deputada provincial de normalización lingüística, María Muíño, o autor da exposición, Pepe Cunha, e a cantora mugardesa Sofía Espiñeira, quen puxo a nota musical ó evento.

As actividades arredor do Día do Orgullo Neofalante, que se celebra o 1 de outubro, coincidindo coa data de nacemento de Andrés do Barro, continuarán en Cabanas nos próximos días. Entre elas, destaca a celebración dun concerto de MJ o día 3 de outubro, que se celebrará nas instalacións do CEIP Eladia Mariño.

Lea también

Fallece una mujer al incendiarse su vivienda en Miño

  Sobre las cinco de la tarde de este sábado se declaró un incendio en …

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *