Retómanse en Narón os Consellos Territoriais

A concelleira de Participación Cidadá, Catalina García, anunciou este venres, día 23 de setembro, as datas nas que se celebrarán os catorce vindeiros Consellos Territoriais de Narón.

A edil naronesa recordou que se trata dunhas convocatorias que se retoman “para que os veciños das diferentes parroquias e barrios da cidade teñan a oportunidade de poñer en común o traballo realizado e posibles actuacións futuras”.

García animou aos representantes de cada zona nos Consellos Territoriais a acudir ás convocatorias programadas, que comezarán o vindeiro 4 de outubro no local social O Paraxe, en Castro, ás 18.00 horas.

O vindeiro mes de outubro, indicou, celebraranse tamén os Consellos Territoriais da Solaina, o día 6 ás 17.30 horas; o da Gándara o día 13 ás 18.00; o do Couto, o día 18 ás 18.00, o de San Xiao, o 20 ás 18.00 horas, en todos estes casos nos respectivos locais sociais, e en San Mateo, o día 25 ás 18.00 na Escola de San Mateo.

En novembro programáronse as sesións a desenvolver en Sedes, o día 3; Xuvia, o día 8; Doso, o 10; en Piñeiros o 15; en Pedroso o 17, no Alto o 23, e en Freixeiro o día 29 nos respectivos locais sociais, en Freixeiro no local social Virxe de Fátima, e darán comezo ás 18.00 horas.

Finalmente, no mes de decembro celebrarase o último Consello Territorial deste ano, o do Val, o día 1 ás 16.00 horas no local social da parroquia. “A través da Escola de Participación Cidadá continuaremos impulsando estas convocatorias, considerando que ofrecen a posibilidade de poñer en común numerosas cuestións relativas ao día a día da nosa cidade”, recalcou García.

A edil naronesa recordou que as persoas interesadas en obter máis información poden contactar coa Escola de Participación, a través do teléfono 603 865 413 ou do correo electrónico: escolaparticipacion@naron.es.

Lea también

A REGAPS da Área Sanitaria de Ferrol organiza un ciclo adicado á Fibromialxia no centro de saúde de Narón

A Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS) e a Subdirección de Humanización, Calidade e …