O BNG reclama a recuperación dos servizos na aula UNED de Ferrol

María do Mar López e Iván Rivas na UNED de Ferrol | BNG

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol reclama que a aula UNED da cidade recupere todos os servizos que funcionaban nas súas instalacións antes da pandemia xa que na actualidade só están en funcionamento os servizos administrativos, obrigando as estudantes a desprazarase até o centro de referencia na cidade da Coruña.

Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, avanzou que esta proposta vai ser defendida ao pleno municipal do vindeiro xoves «xa que Ferrol non pode seguir perdendo servizos e precisamos que este centro recupere por completo a súa actividade

A irrupción da pandemia da covid provocou que este centro pechara e todas as actividades que se desenvolvían no mesmo ficaron suspendidas agás os servizos de administración.

O BNG considera que unha vez que o sistema educativo, en todos os niveis, volveu a normalidade, «debería acontecer o mesmo coa Aula UNED de Ferrol e recuperar os servizos e a actividade que viña ofertando na nosa cidade antes da pandemia da Covid.» Unha situación que «está a provocar múltiples queixas por parte do estudantado da UNED en Ferrol que non ven atendidas as súas reclamacións e supón novas trabas á hora de poder cursar os seus estudos

A situación actual supón que «non se están a desenvolver clases presenciais, que non se poida dispor dos servizos de biblioteca, e obriga ao estudantado a ter que desprazarse ao centro da UNED de Coruña para asistir a clases ou para acceder á biblioteca, ademais de imposibilitar que estudantes que estean a cursar os mesmos estudos poidan ter relación entre eles.» Así mesmo cómpre lembrar «que tampouco se están a celebrar na nosa cidade ningún tipo palestras sobre as diferentes materias que se imparten

Iván Rivas, portavoz do BNG en Ferrol, sinala que é preciso lembrar que o Concello de Ferrol, «ademais de ter cedido as instalacións nas que se ubica este centro, ten asinado diferentes convenios de colaboración con esta institución polo que consideramos que o Concello debe esixir á UNED que preste todos estes servizos na nosa cidade.«

Lea también

En libertad el joven detenido por robar, por tercera vez en esta semana, un microbús en la estación de Ferrol

El juez del Juzgado de Instrucción nº3 de Ferrol, en funciones de guardia, ha decretado …