O proxecto municipal «Narón, mar aberto» convoca unha andaina pola Ruta dos Cantís

O concelleiro de Promoción Económica, David Pita, anunciou a apertura, este martes, día 27 de setembro, do prazo de inscrición na Ruta dos Cantís que se convoca a través do programa municipal “Narón, mar aberto”.

A iniciativa desenvolverase este domingo, día 2 de outubro, e consta dun percorrido a pé de trece quilómetros pola costa naronesa. A saída fixouse para as 10.00 horas das inmediacións da Pena Molexa, no Val, e a chegada está prevista sobre as 15.00 horas.

O concelleiro indicou que a andaina está limitada á participación dun máximo de 20 persoas, que deberán inscribirse a través do correo electrónico: me.mendez@naron.es. A participación é de balde e o prazo para anotarse rematará este venres, 30 de setembro, ás 13.30 horas.

Os participantes recibirán uns agasallos conmemorativos pola súa asistencia, tal e como apuntou Pita, que animou a anotarse ós veciños interesados en coñecer polo miúdo o litoral naronés.

O edil recordou que se trata dunha iniciativa a través da que dar a coñecer as zonas de captura do percebe na costa de Narón, impulsada a través do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Golfo Ártabro Norte, cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, a Xunta de Galicia e a Consellería do Mar

Lea también

Almorzo para recadar fondos para o Centro de Recursos Solidarios de Narón

Unhas 250 persoas acudirán este sábado 30 á comida organizada para recaudar fondos para o …