Chega a Mugardos a función «Xela e o dragón traga verbas»

A concelleira de Cultura, Begoña Roldós, presentou este martes, día 27 de setembro a función dirixida a nenos ‘Xela e o dragón traga verbas’, que terá lugar este mércores 28 ás 16.30 horas no Local Social de maiores da rúa Castelao, dentro do programa de dinamización lingüística FalaRedes.

Xela contra o dragón Traga-verbas’, de Títeres Cachirulo, é un espectáculo de monicreques. A súa protagonista, Xela, de 10 anos, ten que liberar ós seus compañeiros de escola, atrapados polo malvado Katraska quen, valéndose do Dragón Traga-verbas, os ten escondidos na cova do trasno. Alí permanecerán ata que esquezan o galego, a súa lingua nai, e se convertan nos seus secuaces.

Na obra trátase a importancia do uso cotián da lingua galega, e da conservación da nosa identidade. A continuación de cada representación, lévase a cabo un obradoiro para traballar os conceptos presentados na obra e recoller os resultados no libro Memoria das Verbas recuperadas.

Na pasada primavera, o Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade, que Mugardos ten en colaboración cos concellos de Valdoviño, Neda, Cabanas e Ares, iniciou os trámites para sumarse á Rede de dinamización co obxectivo de intensificar as actuacións do Concello ó redor da dinamización da lingua galega.

Esta iniciativa forma parte da segunda edición do programa de dinamización lingüística FalaRedes, que vai encher de actividades en galego o tempo de lecer nos concellos pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística ata o final do ano.

Os obxectivos de FalaRedes son ampliar a oferta de ocio no noso idioma, promover o uso e a valoración positiva da lingua propia de Galicia na sociedade e apoiar os artistas que desenvolven o seu traballo en galego.

Lea también

16 negocios de hostelería participan en una nueva edicion de “Neda a petiscos”

El Ayuntamiento ha presentado este viernes 19 una nueva edición de “Neda a petiscos”. La …