Celebración en Ares do Día do Orgullo Neofalante

A concellaría de Cultura do Concello de Ares e o Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade veñen de facer pública a oferta de actividades que se organizarán en Ares por mor do Día do Orgullo Neofalante, oficialmente asignado para o 1 de outubro, conmemorando así o nacemento de Andrés do Barro, figura central na universalización da lingua galega.

No que atinxe a Ares, este mesmo sábado a Alianza Aresana contará ás 19:30 horas co espectáculo de Cándido Pazó “Botando a lingua a pastar” aberto a todo o público e en colaboración coa Deputación da Coruña. Nesta función, o polifacético narrador e actor mestura contos de tradición oral con historias propias a través dun monólogo que tamén inclúe comentarios sobre a lingua galega dende o humor e a empatía.

Conectando coa mocidade

Mais as programacións que se promoven dende o Servizo de Normalización Lingüística e a área de Cultura municipal non fican só aí, senón que tamén traballan coa mocidade para achegar o galego en diferentes contextos, amosando a súa vitalidade.

De feito, no propio CPI As Mirandas desembarcará a exposición itinerante de “Cantámola”, un percorrido por unha ampla variedade de estilos da música en galego, dende o pop rock ao rap, a mestizaxe, a experimentación electrónica ou os grupos urbanos. Estará dende o luns, 3 de outubro, ata o venres, 7, a disposición da comunidade educativa local.

Con todo, o alumnado de 3º e 4º da ESO mesmo desfrutará o martes, 4 de outubro, da actuación de MJ Pérez na biblioteca municipal de Ares, un concerto-charla baixo o nome de “Sube ó galego” que, ademais, estará dirixido por unha das novas voces do panorama actual da industria musical en Galicia. Reflexión e debate arredor da nosa lingua na procura da participación do estudantado.

Estas 3 actividades servirán para animar a todas esas persoas que estean pensando en arrincar a falar en galego diariamente e celebrar, tamén, que moitas xa deron o paso.

Lea también

As Pontes apoia a posta en marcha do proxecto enerxético de Endesa en O Tesouro

O tecido empresarial, económico e sindical das Pontes apoia a posta en marcha do PE …