Inauguración en Narón da «Xornada de difusión: economía social e emprendemento»

A alcaldesa da cidade de Narón, Marián Ferreiro, inaugurou este venres, día 30 de setembro no Café Teatro do Pazo da Cultura a “Xornada de difusión: economía social e emprendemento”.

Xunto a Ferreiro participaron no acto inaugural a secretaria xeral de Emprego da Xunta de Galicia, Covadonga Toca, a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, e o concelleiro de Promoción Económica, David Pita, así como o edil naronés Santiago Galego.

Ferreiro deu a benvida ás persoas que participaron na xornada, dirixida a emprendedores, empresarios, representantes de entidades e público en xeral, e destacou o programa desta convocatoria. O funcionamento da Oficina Local de Fomento da Economía Social da Rede Eusumo, o traballo desenvolvido pola Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami); Unión de Cooperativas Galegas (Espazocoop); e do Grupo de Desenvolvemento Rural Seitura 2022 formaron parte dos contidos desta convocatoria.

Así mesmo, abordáronse modelos de financiación diferentes ós da banca tradicional da man de Fiare Banca Ética e Coop57 Galiza, para dar paso a dúas experiencias de emprendemento, a de Pingota Comunicación e a de Aventeira, adicada ó sector educativo e de lecer.

“Noraboa a todas as persoas que apostades pola economía social e o emprendemento, por dar ese paso adiante que en moitas ocasións non é nada sinxelo”, asegurou Ferreiro. A alcaldesa destacou o modelo do cooperativismo e a importancia da formación nesa área e tamén de ofrecer información ó respecto, puntos nos que coincidiu coas representantes da administración autonómica.

A iniciativa enmárcase no programa de actuación 2022 da Rede Eusumo da Xunta de Galicia e conta coa colaboración do Ministerio de Traballo e Economía Social.

Lea también

O Goberno de Narón chega a un acordo para manter o servizo de madrugadores

O goberno local e as Anpas de Narón chegaron a un acordo para manter temporalmente …