Unha trintena de persoas participa nas “II Xornadas micolóxicas de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle dende a tarde do xoves, día 13 de outubro, a segunda edición das Xornadas micolóxicas de Narón, organizadas polo Concello de Narón en colaboración coa Asociación Micolóxica Viriato.

Unha trintena de persoas o total das prazas habilitadas, participa nesta convocatoria, que continuará esta tarde no Café Teatro do Pazo e rematará mañá cun paseo micolóxico. Na tarde de onte ó longo de case dúas horas os asistentes tiveron a oportunidade de coñecer da man de expertos unha serie de conceptos básicos sobre fungos e cogomelos e tamén de aclarar algunhas dúbidas que xurdían sobre a súa recolección e a normativa autonómica en vigor.

Así mesmo, puideron ver algunhas das especies que o persoal da Asociación Micolóxica Viriato recolectou para a ocasión, con variedades de fungos e cogomelos habituais nesta comarca. Hoxe mesmo haberá unha nova sesión destas xornadas no Café Teatro, de 19.30 a 21.00 horas, na que se continuarán abordando diferentes aspectos vencellados á micoloxía.

As xornadas rematarán mañá tras un paseo micolóxico con saída programada ás 10.00 horas da Escola de Maciñeira, no veciño municipio de Neda. Ese será o punto de encontro para partir por un tramo da ribeira do Belelle, pola zona do Roxal, para observar os cogomelos que vaian atopando e aprender a diferenciar os comestibles dos tóxicos.

Dende o Concello de Narón destacouse o éxito que novamente este ano acadaron estas xornadas, cunha excelente acollida por parte dos veciños.

Lea también

Narón acomete melloras no firme de varios parques infantís

A alcaldesa da cidade de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Obras e Urbanismo, …