A Biblioteca municipal de Narón acolle a nova edición do Trocolibro

 
O Trocolibro chegará de novo á Biblioteca municipal de Narón a vindeira semana. Dende o luns 17 ata o venres 21 no horario de apertura das instalacións haberá unha mesa na planta baixa para ofrecer ós usuarios libros que o centro non incorporou ós seus fondos e que poden levar de balde.
 
A edil de Bibliotecas, Mercedes Taibo, explicou que se trata dunha actividade que se desenvolve dúas veces ao ano, coincidindo coa celebración do Día Internacional do Libro, no mes de abril, e o Día Internacional da Biblioteca, en outubro.
 
“As sesións previstas tanto para o ano pasado como para 2020 non se puideron celebrar debido á pandemia da Covid-19 pero confiamos en que os usuarios da Biblioteca participen nesta convocatoria, pensada para o intercambio de libros, levando algún dos que porá a disposición o centro e podendo tamén deixar outros a modo de intercambio”, explicou.
 
A edil incidiu en que se poderán levar ou deixar un máximo de dous libros por día. A vindeira semana, así mesmo, haberá visitas guiadas á Biblioteca municipal, dirixidas a persoas de todas as idades. As persoas interesadas en asistir poderán anotarse dende o luns 17 ás 9.30 horas, de xeito presencial ou chamando ó centro, ó número 981 382 173. Nos percorridos, que se realizarán o xoves ás 18.00 e o venres ás 11.00 horas, os asistentes coñecerán as diferentes estancias e servizos que se prestan nas instalacións.
 
“Explicaránselles as características de cada unha das catro plantas, a soto, coa sala infantil, a bebeteca e a sala de exposicións e actividades; a baixa, coa hemeroteca (prensa e revistas), sección de información e referencia, audiovisuais e xuvenil; a primeira, coa sección de adultos (narrativa, poesía, teatro, biografía e cómic) e o arquivo de depósito de libros e a segunda planta, coa sección de adultos (materias), e espazo para seminarios, sala de usos múltiples e de informática”, avanzou Taibo.
 

Lea también

Charlas dirixidas a familias con menores matriculados nas escolas infantís de Narón

A edil de Ensino do Concello de Narón, Olga Ameneiro, informou que os días 22 …